CITIC
Amparo A y Berta G

Amparo Alonso e Bertha Guijarro, fundadoras da Sociedad Española de Inteligencia Artificial en Biomedicina

13/04/2023 – CITIC

As investigadoras do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña Amparo Alonso e Bertha Guijarro forman parte do equipo fundador da recentemente creada Sociedad Española de Inteligencia Artificial en Biomedicina (IABiomed). Trátase dunha entidade que ten como obxectivo fomentar a investigación e o desenvolvemento da IA aplicada a biomedicina, un área onde a intelixencia artificial está a ter gran transcendencia.   

Precisamente, a nova entidade xorde ao abeiro da Red Temática sobre IA en Biomedicina creada en 2018, da que o grupo de investigación LIDIA da UDC, dirixido por Amparo Alonso e representado na rede por Bertha Guijarro, tamén formaba parte,  e que foi o xerme desta colaboración científica a nivel estatal.

“A intelixencia artificial ten aplicacións cada vez máis amplas en biomedicina, incluíndo a investigación médica, o diagnóstico de enfermidades, a mediciña personalizada e a atención ao paciente. Por iso,  parécenos moi relevante a creación desta sociedade, que é unha ferramenta de enorme potencial xa que fomenta a colaboración entre profesionais de diferentes áreas” sinalaron as investigadoras do CITIC e cofundadoras da entidade. 

A entidade está integrada por 42 investigadores de 16 provincias españolas e busca a promoción da colaboración na actividade científica así como a investigación multidisciplinar na área de IA  en Biomedicina. Así mesmo, tamén quere promover actuacións que permitan xerar recursos de interese para a divulgación, a investigación e a formación neste ámbito. De feito, un dos obxectivos de IABiomed é establecer vínculos e sinerxías con empresas e organismos públicos e privados que se poidan beneficiar de maneira directa e indirecta  das actividades e aplicacións da IA  no eido da Biomedicina.

Retos

Así mesmo, a Sociedade é consciente dos desafíos presentes e futuros aos que debe facer fronte no campo da biomedicina, polo tanto, os esforzos de IABiomed irán principalmente destinados a atopar solucións para eses retos, tales como o acceso aos datos de saúde con fines de investigación, a falla de tratamentos para enfermidades raras, os problemas derivados da resistencia aos antibióticos, novas pandemias ou a mellora dos procesos clínicos.

A información detallada desta redes pode consultarse na súa páxina web:  www.iabiomed.org.