Amparo Alonso e Vicente Moret participan no Corunna Innovate Summit
24/05/2022 – CITIC
Os investigadores da área de intelixencia artificial do CITIC Amparo Alonso e Vicente Moret participarán como relatores no Corunna Innovate Summit, que terá lugar os días 16 e 17 de xuño na Fundación Barrié da Coruña, reunindo a expertos internacionais en intelixencia artificial, big data e computación cuántica.
Amparo Alonso abordará o tema “Economía baixa en carbono e intelixencia artificial. Intelixencia artificial e sustentabilidade”. Pola súa banda, Vicente Moret presentará o proxecto NEASQC (NExt ApplicationS of Quantum Computing), que reúne un consorcio multidisciplinar de expertos académicos e da industria para desenvolver avances en computación cuántica.
Tamén participarán no Corunna Innovate Summit Ignacio Cirac, especialista en computación cuántica e Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 2006; Paco Nathan, recoñecido experto en big data; e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral.
O rexistro e a asistencia son gratuítos.
Máis información e inscricións en https://www.corunna.dataspartan.com/