Amparo Alonso participa no debate “Industria intelixente e medio ambiente: de cara a un futuro sostible”
19/02/2021 – CITIC
A investigadora do CITIC Amparo Alonso participa o próximo 23 de febreiro no debate “Industria intelixente e medio ambiente: de cara a un futuro sostible”, organizado polo Centro de Visión por Computador (CVC) e a Fundación “la Caixa”. O obxectivo do debate é poñer ao alcance da cidadanía as ferramentas para entender e reflexionar sobre como utilizar a Intelixencia Artificial para facer un mundo máis sostible no ámbito económico, social e medioambiental mediante a Industria 4.0.
Este debate forma parte da 2ª edición do ciclo “Intelixencia Artificial, ética e participación cidadá”, un proxecto de ciencia cidadá organizado polo Centro de Visión por Computador, coa colaboración da Fundación “la Caixa”, que busca facer unha reflexión sobre o impacto que ten a Intelixencia Artificial nas nosas vidas.
A investigadora do CITIC e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso Betanzos, compartirá mesa co responsable da Unidade de Soporte Tecnolóxico do Centro de Visión por Computador, Coen Antens; o cofundador e director científico de Aizon, Antoni Manzano; e a secretaria da Secretaría de Medio Ambiente e Sustentabilidade da Generalitat de Catalunya, Marta Subirà.
Este foro terá lugar no Palau Macaya o martes 23 de febreiro ás 18h. Tamén se emitirá online a través das redes sociais do CVC.