Amparo Alonso recibe o Premio María Josefa Wonenburger Planells
29/12/2020 – CITIC
A investigadora do CITIC Amparo Alonso recibiu o Premio María Josefa Wonenburger Planells, outorgado pola Xunta de Galicia a través da Unidade de Muller e Ciencia. O acto de entrega tivo lugar este luns 28 de decembro no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. Presidiron o acto o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
Este galardón ten o obxectivo de recoñecer ás mulleres galegas que dedican a súa vida profesional a algún campo da ciencia ou a tecnoloxía. Este premio, que se entrega anualmente desde 2007, creouse coa finalidade de incrementar a presenza das mulleres galegas nestes ámbitos, situando nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger Planells, unha pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias.
Amparo Alonso, ademais investigadora do CITIC, é catedrática de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA). Ademais, este ano entrou a formar parte do recentemente constituído Consello Asesor de Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno de España.