CITIC

Amparo Alonso e Nieves R. Brisaboa, no comité de expertos para a elaboración da Estratexia Dixital 2030 da Xunta

13/12/2019

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Nieves R. Brisaboa forman parte do comité académico de expertos en diferentes disciplinas que colaborarán na elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG 2030) da Xunta de Galicia. Un total de 22 académicos do ámbito tecnolóxico, industrial, económico, xurídico, sociolóxico, educativo e sanitario das tres universidades galegas contribuirán a configurar as directrices da folla de ruta dixital para a próxima década. Así, o comité de expertos académicos completará a visión dos centros tecnolóxicos e empresas, e axentes económicos e sociais que están participando no proceso de elaboración da EDG 2030.

As achegas e reflexionas deste comité xirarán en torno a novos modelos económicos e laborais, as competencias dixitais da sociedade, os novos perfís profesionais, a adaptación dos servizos públicos ás demandas sociais, a posición de Galicia nas tecnoloxías do futuro, e o novo marco ético e xurídico necesario nun contexto de rápido e continuo avance dixital.

A Estratexia Dixital de Galicia 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible de Galicia tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta enmárcase nas políticas europeas para incrementar o despregue de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.