CITIC

Arte e creatividade na era da IA nunha nova sesión do ciclo HumanIA no CITIC da UDC

07/11/2024 - CITIC
  • A directora de Artworld Law, Marta Suárez-Mansilla, experta en dereito do arte e novas tecnoloxías, impartirá un taller formativo o vindeiro 13 de novembro, dentro do ciclo HumanIA organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol da UDC, en colaboración co CITIC.  

A Coruña, 6 de novembro. – O CITIC da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 13 de novembro unha nova sesión do ciclo “HumanIA: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial”, un espazo de aprendizaxe no que a comunidade universitaria e os profesionais de diversas disciplinas poden descubrir como a IA está transformando a sociedade e os postos de traballos relacionados coas Humanidades.  

O ciclo está organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC en colaboración co CITIC, co obxectivo de promover un diálogo no que se amosen novas formas de comprender a arte, a cultura, a historia e a linguaxe co apoio da tecnoloxía máis innovadora.  

Nesta nova sesión de novembro será Marta Suárez, avogada, investigadora e xestora cultural a encargada de falar sobre “Arte e creatividade na era da IA”. Como directora de Artworld Law, unha asesoría especializada, ofrece servizos centrados no mercado da arte e a protección do patrimonio, cun enfoque nos desafíos dixitais contemporáneos, como o blockchain, o metaverso, os NFTs e a intelixencia artificial. 

A experta ten unha sólida traxectoria na consultaría xurídica e a xestión cultural, especialmente no ámbito da arte contemporánea, onde ten traballado tanto con creadores como con profesionais do sector. Liderou proxectos culturais nos sectores público e privado e segue vencellada a diversas asociacións culturais que ten dirixido.  

Marta Suárez combina, ademais, o seu traballo profesional coa investigación académica, tendo realizado unha estancia profesional na ONU e participado como docente en múltiples universidades. O seu traballo e publicacións sobre arte, dereito e novas tecnoloxías son amplamente recoñecidas.