CITIC

As investigadoras Betania Groba e Patricia Concheiro presentan en Madrid os avances do proxecto Erasmus+ Design2Freedom

17/11/2025 - CITIC

Os pasados 13 e 14 de novembro celebrouse en Madrid a terceira Translational Meeting do proxecto Erasmus+ Design2Freedom, que tivo lugar nas instalacións da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

Durante o encontro, as investigadoras do CITIC da Universidade da Coruña, Betania Groba González e Patricia Concheiro Moscoso, presentaron os avances do proxecto nunha intervención titulada “Presentation of the Educational MOOC – Reflections on the training processes within the university pilots and challenges for the future”. A súa presentación centrouse na experiencia derivada do piloto Design4Occupation, compartindo reflexións sobre os procesos formativos e os retos futuros no ámbito universitario.

Ao longo das dúas xornadas, as entidades participantes traballaron no desenvolvemento de materiais orientados a facilitar a escalabilidade do proxecto, así como na planificación dos eventos previstos en cada país participante para o próximo cuadrimestre. O consorcio está a avanzar na transformación dos aprendizaxes xerados en recursos accesibles para todas as persoas interesadas: un mapa de experiencias, un kit educativo de ferramentas dixitais, un MOOC gratuíto de 15 horas e unha guía de boas prácticas para incorporar o deseño centrado na persoa nos plans de estudo universitarios. Así mesmo, durante esta reunión organizáronse os eventos multiplicadores que cada socio levará a cabo entre marzo e abril.

O proxecto Design2Freedom busca promover a inclusión a través do deseño accesible e da innovación educativa, apoiándose en metodoloxías que faciliten a participación activa de estudantes e profesionais na creación de solucións inclusivas.

Deseño centrado na persoa

O proxecto Erasmus+ Design2Freedom, liderado por COCEMFE coa colaboración do CITIC da Universidade da Coruña, promove a inclusión universitaria mediante o deseño centrado na persoa e metodoloxías participativas. No seu piloto académico, denominado Design4Occupation, estudantes de Terapia Ocupacional traballaron de forma interdisciplinar con persoas con discapacidade (usuarios de COGAMI e ASPACE) para co-deseñar produtos tecnolóxicos destinados a mellorar a súa autonomía e calidade de vida.

Durante os encontros transnacionais, como o celebrado en Vilnius (Lituania), intercambiáronse resultados sobre metodoloxías inclusivas, modelos centrados na persoa e deseño colaborativo, co obxectivo de escalar estas prácticas a un maior número de universidades europeas.