As investigadoras Susana Ladra e Verónica Bolón protagonizan o documental “Marxe de erro”, que visibiliza o papel das mulleres en enxeñaría
25/10/2021 – CITIC
As investigadoras do CITIC Susana Ladra González e Verónica Bolón Canedo protagonizan xunto coas enxeñeiras Susana Gómez Carnero, Berta Candendo e Silvia Piñeiro Fernández o documental “Marxe de erro”, realizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). O documental preséntase este martes 26 de outubro no Gaiás Tech da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), a partir das 10 horas.
O documental amosa unha visión en primeira persoa do papel das mulleres nas enxeñarías a través de cinco profesionais relacionadas con este eido, relatando a súa perspectiva sobre as enxeñarías en informática e explicando como chegaron a cursar estes estudos, o desenvolvemento da súa traxectoria no sector e a súa visión e experiencias sobre a presenza das mulleres na profesión e os estereotipos que aínda permanecen vixentes.
A presentación do documental contará coa participación da directora da Amtega, Mar Pereira; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o subdirector xeral de Formación Profesional, Carlos Vázquez Mariño; e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. Asistirán tamén alumnos de bacharelato STEMbach de centros educativos de toda Galicia.
O obxectivo da sesión é destacar a necesidade que teñen as carreiras tecnolóxicas, e en especial a informática, da presenza feminina como aporte de valor, dando especial visibilidade a tantas mulleres que foron esenciais no desenvolvemento da informática e a tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando dende as súas experiencias romper ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, dende idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática.