CITIC

Biomarcadores do cancro mediante IA e a autenticación sen contrasinais, nos almorzos TIC Talk do CITIC

27/05/2025 - CITIC

A Coruña, 27 de maio de 2025.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña organizou unha nova edición dos seus Almorzos TIC Talk, un espazo onde o persoal investigador comparte avances innovadores nun formato próximo e dinámico. Nesta sesión, Falak Naz e Martiño Rivera Dourado presentaron as súas investigacións sobre biomarcadores oncolóxicos mediante intelixencia de datos e autenticación sen contrasinais en redes, respectivamente. O evento, que combina ciencia, tecnoloxía e networking, tivo lugar este martes, 27 de maio, no CITIC da UDC.

Aplicación da IA para identificar patróns

A medicina de precisión avanza cara a un enfoque máis integral do cancro, pero aínda existe unha brecha entre os datos xenómicos e proteómicos. A investigadora Falak Naz analizou na súa charla como a súa investigación aplica técnicas de intelixencia artificial e análise multiómico para identificar patróns ocultos en tumores, combinando datos de proteínas, xenes e epixenética. O seu traballo podería acelerar o desenvolvemento de terapias personalizadas e diagnósticos máis precisos.

Passkeys e o futuro da autenticación en redes

Os contrasinais son un elo débil en ciberseguridade, pero alternativas como as passkeys (claves de acceso FIDO2) prometen maior seguridade e usabilidade. Martiño Rivera falou de como adaptar esta tecnoloxía a redes Wi-fi e cableadas, eliminando vulnerabilidades. A súa investigación expón un cambio de paradigma en como accedemos a sistemas críticos, desde hospitais ata infraestruturas empresariais.

Os almorzos TIC Talk do CITIC son unha iniciativa que promove a transferencia de coñecemento en TIC a través de charlas breves e accesibles.