CITIC

Carlos Vázquez Cendón é nomeado representante español no Management Committee da Acción COST "FinAI-Fintech”

01/07/2020

O investigador do área de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC, Carlos Vázquez Cendón, foi nomeado representante español no Management Committee da Acción Cost “FinAI-Fintech”. O nomeamento foi realizado por parte da Coordinadora Nacional de COST, Noelia Romero López, dependente da Subdirección Xeral de Internacionalización da Ciencia e Innovación do Ministerio, tras aceptar a participación española en “FinAI-Tech”. Esta acción pon en contacto a investigadores de máis de 30 países, polo que supón unha gran oportunidade.

O investigador Carlos Vázquez participou na elaboración da proposta da Acción COST “FinAI-Fintech and Artificial Intelligence in Finance – Towards a transparent financial industry”. En concreto, participou especialmente no equipo de traballo 2: “Transparent versus Black-Box decision support models in the financial industry”. Entre outros temas, abordarase a falta de aceptación por parte dos organismos reguladores financeiros de técnicas de Intelixencia Artificial actualmente utilizadas por bancos e entidades financeiras de xeito crecente. Cabe destacar que un grupo de investigadores do CITIC xa obtivo resultados no uso de técnicas de IA baseadas en aprendizaxe automática para a resolución de problemas no sector financeiro.