Catro membros do CITIC posiciónanse entre os mellores investigadores do mundo segundo a plataforma Research.com
- En total, doce investigadores da Universidade da Coruña foron incluídos neste informe.
- Esta publicación, especializada no ámbito académico, destaca aos científicos mellor valorados a nivel nacional e internacional.
- O informe mostra cales son as cuestións e problemáticas máis abordadas polo persoal de investigación de primeiro nivel.
A Coruña, 23 de maio de 2024.- A plataforma académica Research.com publicou a edición de 2024 da súa clasificación dos mellores científicos do mundo, no que engloban ao persoal investigador de maior nivel e proxección nacional e internacional.
Research.com recolle información sobre os mellores centros de estudos, oportunidades académicas e as traxectorias profesionais que ofrece cada unha. Ademais, leva a cabo unha clasificación na que se avalían a calidade das universidades e o persoal científico mellor valorado.
A plataforma recoñeceu a traxectoria de doce membros da UDC, entre os que se atopan catro do CITIC: Amparo Alonso, Tiago M. Fernández, Paula Fraga e Verónica Bolón.
Amparo Alonso é catedrática na área de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial e forma parte do Comité de Dirección do CITIC. Está especializada no desenvolvemento de modelos de aprendizaxe máquina escalables e intelixencia artificial responsable e sostible, entre outras liñas. En outubro de 2023 foi nomeada Académica Correspondente da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. É membro de CAIA, o Consello Asesor en Intelixencia Artificial do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, así como Membro do Comité Español de Ética da Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Tiago M. Fernández é investigador permanente no CITIC e profesor titular da UDC na área de tecnoloxía electrónica. É doutor enxeñeiro en informática e desde 2005 traballa no Departamento de Enxeñería de Computadores da UDC. As súas liñas de investigación están relacionadas, entre outras, con sistemas IoT, realidade estendida ou paradigma da industria 4.0 e 5.0.
Paula Fraga é investigadora do CITIC e profesora na Universidade da Coruña. Participou en máis de 40 proxectos públicos de investigación a nivel rexional e nacional, así como en proxectos de I+D con empresas privadas como ADIF, Siemens, Indra ou Navantia. A súa investigación céntrase en tecnoloxías da industria 4.0: sistemas ciberfísicos, IoT, realidade estendida, blockchain e ciberseguridade.
Verónica Bolón é titular da UDC no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información e investigadora do CITIC, ademais de formar parte do seu Comité de Dirección. Actualmente, traballa en varias áreas relacionadas coa Intelixencia artificial, especialmente en algoritmos verdes. É coordinadora do nodo coruñés do proxecto Inspira STEAM, desenvolvido para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas. É académica de número da Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, sendo a muller máis nova da corporación.
En 2023, Verónica Bolón, Amparo Alonso, Tiago M. Fernández e Paula Fraga foron incluídos na clasificación World’s Top 2% Scientists List realizado pola Universidade de Stanford, en California (EEUU), considerado como un dos máis prestixiosos a nivel internacional.
Research.com tamén incluíu a Christian Kennes, Carlos Platas e Miguel Maestro, Purificación López, Manuel López Vicente e Federico Pomar, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC; e a Francisco J. Blanco en medicina, ligado ao CICA e ao INIBIC; e Antonio Valle en psicoloxía.