CITIC

Celebración do eRisk 2018 en Avignon

19/10/2018

O pasado mes de setembro celebrouse en Avignon o eRisk 2018 (Early Risk Prediction on the Internet), organizada por investigadores da área de Ciencia de Datos e Información do CITIC e enmarcada no ámbito da iniciativa CLEF (Conference and Labs of the Evaluation Forum).

Esta segunda edición, capitaneada por Javier Parapar xunto cos investigadores David E. Losada da USC e Fabio Crestani da Universidad de Lugano, centrouse na detección temperá de depresión e anorexia en Internet.

Está demostrado que as palabras que usan as personas, tendo en conta un período de tempo ou unha secuencia de acontecementos, poden revelar aspectos importantes dos seus mundos sociais e psicolóxicos. Así mesmo, existen probas substanciais que vinculan a linguaxe natural con flutuacións de personalidade, sociais e situacionais. Isto é de especial interese para entender o inicio dunha situación de risco e como se reflexa na linguaxe empregada polos individuos.

Con isto, o obxectivo principal de eRisk é crear unha nova área de investigación interdisciplinar que poida ser aplicable a unha ampla variedade de situacións e a diferentes perfís, para así poder detectar riscos en materia de saúde e seguridade.