CITIC
Vocacional José Iglesias 550x400 px

Charla do investigador José A. Iglesias Guitián no programa "Das TIC ao ceo"

O investigador do CITIC José A. Iglesias Guitián impartirá este xoves 6 de maio unha charla en formato online dentro do programa “Das TIC ao ceo”, impulsado polo CITIC e o Consello Social da UDC para fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. O investigador ofrecerá unha conferencia destinada a 40 alumnos e alumnas de bacharelato do IES Terra de Trasancos de Narón, que estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira.

José A. Iglesias Guitián é investigador en Ciencias da Computación, especializado en computación visual e computación gráfica. Actualmente é investigador do CITIC e da Universidade da Coruña grazas ao programa Ramón e Cajal e ao programa InTalent da UDC-Inditex. A súa actividade investigadora céntrase na exploración de técnicas de rendering e iluminación avanzadas para a visualización científica, e máis recentemente para a xeración sintética de datos para simuladores virtuais e algoritmos de Intelixencia Artificial. Con anterioridade traballou en Disney Research para The Walt Disney Company Ltd., onde o seu traballo foi recoñecido cun Disney Inventor Award en 2016.

“Das TIC ao ceo” é un ciclo de conferencias no que diferentes profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector do TIC, todos eles graduados pola UDC, achegarán a súa experiencia no desenvolvemento da súa carreira profesional a estudantes de secundaria e bacharelato, para así servir como referentes e fomentar o interese de cara ás disciplinas STEAM.