Ciclo de webinars para a presentación de resultados do proxecto HiPERFORM
28/04/2021 – CITIC
O proxecto HiPERFORM, no que participan os investigadores do CITIC Valentín Barral, José A. García Naya, Luis Castedo, Carlos J. Escudero e Javier Rodas González, finalizará o próximo mes de outubro. Para a presentación pública de resultados, o equipo de traballo organizou un ciclo de webinars para achegar os aspectos máis destacados do proxecto, iniciado en maio de 2018.
Estes seminarios terán lugar durante os meses de maio e xuño, e o investigador José A. García Naya será speaker nun deles: “WBG powered drivetrain for dual in-wheel motors”.
O CITIC participa neste proxecto xunto con outras 30 entidades procedentes de 8 países europeos. HiPERFORM (High performant Wide Band Gap Power Electronics for Reliable, energy efficient drivetrains and Optimization through Multi-physics simulation) é un proxecto internacional de I+D que ten como obxectivo principal a aplicabilidade industrial de semicondutores de alto rendemento con materiais de banda ancha no campo da mobilidade intelixente. Os resultados esperados do proxecto permitirán dotar aos fabricantes europeos de vehículos eléctricos de excelentes tecnoloxías para o desenvolvemento de vehículos ecolóxicos asumibles de próxima xeración.
HiPERFORM conta cun orzamento de 41 millóns de euros, cofinanciados polo programa europeo H2020 e polas axencias de innovación nacionais dos países participantes.