![](https://citic.udc.es/wp-content/uploads/2024/07/CIT02860-1024x683.jpg)
Cidades que nunca dormen
- O 60% da poboación de Europa non poden ver a Vía Láctea e un 83% da poboación mundial vive baixo a luz artificial do ceo nocturno.
- O CITIC da UDC acolleu un curso de verán no que se avogou por unha iluminación nocturna intelixente, saudable e eficiente.
- Slowlight busca unha nova cultura de iluminación aliñada cos obxectivos da axenda urbana 2020-2030, favorecendo a transición enerxética e o uso responsable dos recursos.
A Coruña, 30 de xullo de 2024.- Cada vez son máis as cidades que nunca dormen e non precisamente porque haxa “algo no aire que fai que durmir sexa inútil” como dicía Simone de Beauvoir respecto de Nova York, senón máis ben no seu ceo. O estilo de vida actual require dunha gran demanda de enerxía e consumo que fai que a sobreiluminación das nosas urbes sexa un problema cada vez maior, que afecta tanto á saúde humana como aos nosos ecosistemas. Así se puxo de manifesto no curso de verán “Novas ferramentas e tecnoloxías para o redeseño da paisaxe nocturna como axente de transformación urbana”, promovido pola UDC en colaboración coa Fundación Slowlight e que tivo lugar recentemente no CITIC.
A iniciativa, que xorde do compromiso da Universidade da Coruña coa iniciativa Slowlight asinada o 5 de marzo de 2021, ten como obxectivo promover unha iluminación responsable e reducir a contaminación lumínica. Para iso, no CITIC presentáronse propostas para poder gozar dunha paisaxe urbana nocturna de calidade, coherente e en harmonía.
Entre as iniciativas que se expuxeron neste curso destaca o proxecto Gaia4Sustainability, no que colabora o CITIC. Dentro do mesmo, creouse un modelo de brillo nocturno baseado nos datos do satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA) e desenvolveuse un fotómetro de baixo custo, chamado FreeDSM, para medir a contaminación lumínica de maneira estandarizada e accesible para a cidadanía, en coordinación entre a Universidade de Barcelona e o CITIC da Universidade da Coruña.
Estrelas ocultas
A paisaxe nocturna das nosas cidades foi historicamente descoidado, o que resultou en problemas de sobreiluminación que afectan tanto á saúde humana como aos ecosistemas. De feito, tal e como se puxo de manifesto no curso, o 60% da poboación de Europa non pode ver a Vía Láctea e o 83% da poboación mundial vive baixo os efectos da CL, brillo do ceo en cénit >14mcd/m2 ; é dicir, baixo luz artificial do ceo nocturno.
De feito, durante o curso presentáronse novas tecnoloxías para a observación mediante satélite que demostran a evolución da sobreiluminación nas nosas cidades.
Tamén se analizou a iluminación nocturna desde distintas perspectivas. Así, púxose de manifesto que os hábitos das persoas inflúen significativamente na iluminación nocturna das cidades. Cando as áreas urbanas permanecen activas durante a noite debido a actividades comerciais, recreativas ou sociais, aumenta a demanda de iluminación pública. Unha adecuada iluminación non só mellora a visibilidade, reducindo accidentes e facilitando a mobilidade, senón que tamén actúa como un elemento disuasorio contra delitos. Para as mulleres, unha boa iluminación en rúas, parques e estacións de transporte público é crucial, xa que reduce a sensación de vulnerabilidade e o risco de sufrir agresións.
España, un dos países con maior contaminación lumínica
Segundo o mapa de Earth at night, España é un dos países da Unión Europea onde máis contaminación lumínica hai e onde se produce un maior gasto na iluminación pública por habitante. E as consecuencias da contaminación lumínica van moito máis alá da simple imposibilidade de ver as estrelas desde as grandes cidades. Este exceso de luz artificial afecta directamente a nosa saúde ao alterar o ciclo natural de luz e escuridade, fundamental para regular o noso ritmo biolóxico e garantir un soño reparador.
Ademais, os científicos advertiron que esta contaminación non só nos afecta ás persoas, senón tamén a unha ampla variedade de seres vivos, desde plantas ata animais, que comparten a nosa contorna e cuxa existencia se ve ameazada. Para mitigar estes efectos, é crucial implementar unha iluminación responsable que non implique a renuncia total á luz artificial, pero que si requira sentido común e hábitos sostibles, mellorando así a nosa calidade de vida e contribuíndo ao aforro enerxético, tal e como se puxo de manifesto no curso de verán realizado no CITIC. Desta maneira, non será necesario afastarse demasiado da cidade para volver gozar do espectáculo estelar.