CITIC

Ciencia e tecnoloxía ao servizo das estrelas e do patrimonio cultural no TIC Talk

29/10/2024 - CITIC

O  CITIC da UDC acolleu este martes,  29 de outubro, unha nova cita do ciclo de conferencias TIC Talk. Nesta ocasión os investigadores Xabier Pérez e Luca Sala achegaron as últimas investigacións en ciencia e tecnoloxía aplicadas a campos tan diversos como a astronomía e a conservación do patrimonio cultural.

Atopando metais en estrelas de Gaia

Xabier Pérez Couto explorou un dos grandes misterios da astrofísica moderna. O 97% das estrelas do noso Universo rematan as súas vidas como ananas brancas, obxectos de altísima densidade onde os metais pesados se concentran no núcleo, quedando na atmosfera unha capa mínima de hidróxeno e helio. Non obstante, as observacións da misión espacial Gaia revelaron unha nova poboación de ananas brancas con metais nas súas atmosferas, un descubrimento que contradí o que ata agora sabiamos sobre a súa evolución. Que pode explicar esta presenza de metais? É posible que se trate de contaminación por nubes interestelares ou dos restos de planetas que sobreviviron á súa estrela? Esta investigación apunta a ofrecer novas respostas sobre o futuro do noso propio Sol.

Digital Maktaba:  preservación do patrimonio cultural

Pola súa banda, Luca Sala presentou o proxecto Digital Maktaba, unha iniciativa destinada a preservar e catalogar o patrimonio cultural en linguas e alfabetos non latinos, como o árabe, o persa e o azerbaixano turco. O proxecto emprega tecnoloxías avanzadas como o recoñecemento óptico de caracteres (OCR), machine learning explicable e o procesamento da linguaxe natural para superar os retos na dixitalización destes manuscritos multilingües. Esta ferramenta mellora o acceso a documentos históricos importantes e axuda a automatizar o proceso de catalogación, facendo que sexa máis eficiente e preciso.

Os almorzos TIC Talk do CITIC son unha oportunidade para coñecer máis sobre como a ciencia e a tecnoloxía seguen abrindo camiños tanto no estudo do cosmos como na preservación da nosa historia común.