CITIC

Ciencia, inclusión e tecnoloxía conectan en Cullerciencia 2025 da man do CITIC da UDC

05/06/2025 - CITIC

O pasado sábado, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) participou na feira Cullerciencia 2025, un evento de divulgación científica celebrado no Paseo Marítimo do Burgo, en Culleredo.

Na súa caseta, o CITIC presentou unha mostra do potencial da tecnoloxía aplicada á inclusión, así como dos avances en bioinformática e intelixencia artificial sostible, xerando un notable interese e participación por parte do público asistente.

Durante toda a mañá, numerosos visitantes achegáronse ao espazo expositivo do CITIC para coñecer de cerca algúns dos proxectos desenvolvidos en colaboración con estudantes, profesionais do ámbito científico-tecnolóxico e persoas con diversidade funcional. A proposta combinou demostracións interactivas, experiencias inmersivas e produtos de apoio innovadores, evidenciando como a tecnoloxía pode converterse nunha ferramenta poderosa para a inclusión social.

A caseta ofreceu unha experiencia completa e diversa. Carlos Fernández Lozano e Lucía Martínez Rodríguez impartiron o taller “Que é a bioinformática?”, área na que traballan dentro do proxecto europeo RePo-SUDOE, cuxo obxectivo é desenvolver e difundir tecnoloxías innovadoras para o drug repurposing, promovendo a reutilización de medicamentos existentes para novas aplicacións terapéuticas.

Pola súa banda, Eva Soto, María Merelas Ares e Daniel Vila da Cruz, membros do equipo de investigación da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes, ofreceron o taller “Que é a IA verde?”, no que se abordaron avances en intelixencia artificial sostible. Outra actividade foi o taller de circuítos e sensores impartido polas investigadoras Adriana Dapena Janeiro e Paula Castro Castro.

No marco do proxecto TICARE, centrado na formación de profesionais dos Centros de Atención a Persoas con Discapacidade de Galicia e na adaptación tecnolóxica ás necesidades dos seus usuarios, desenvolvéronse dúas propostas moi valoradas polos asistentes. Iago Fernández presentou videoxogos en realidade virtual deseñados para o adestramento cognitivo de persoas con discapacidade intelectual, mentres que Jorge Rivadulla mostrou videoxogos adaptados que permiten xogar a Mario Kart utilizando o tronco ou a cabeza como controladores.

Ademais, no contexto do proxecto Talentos Inclusivos, realizáronse demostracións de dispositivos que facilitan a expresión artística a persoas con mobilidade reducida.

A participación en Cullerciencia permitiu visibilizar o traballo que o CITIC vén realizando desde hai anos, demostrando que a ciencia e a tecnoloxía, cando se constrúen desde a colaboración e a empatía, son capaces de transformar vidas e derrubar barreiras.