CITIC

Ciencia nos bares no festival Pint of Science

10/05/2024 - CITIC
  • O festival de divulgación científica levarase a cabo en A Coruña do 13 ó 15 de maio. 
  • Persoal investigador de diversas áreas e centros de investigación da UDC participan no evento, nas localidades da Coruña, Ferrol e Carballo. 
  • España lidera a participación mundial no festival, con 850 charlas nos bares de 67 ciudades, cuxa organización é independente e na que todos os involucrados actúan de maneira voluntaria e sen ánimo de lucro. 

A Coruña, venres 10 de maio de 2024.- A novena edición do festival internacional de divulgación científica Pint of Science, que terá lugar os días 13, 14 e 15 de maio, contará cun total de 850 charlas en 67 localidades de España, na que supón a edición máis ambiciosa da historia do evento no noso país. Durante os tres días de duración da cita, os bares das nosas cidades convértense en improvisados laboratorios desde onde os investigadores máis punteiros compartirán os últimos avances da ciencia en España.  

Varios investigadores e investigadoras do CITIC participan este ano achegando o seu coñecemento en charlas que se impartirán en A Coruña, Ferrol e Carballo.  

No caso da cidade herculina, Pint of Science celebrarase nos bares A Olímpica, (Rúa Alfredo Vicenti, 39) e Bar Árnica, (Rúa de Herrerías, 2), cun total de 11 charlas de 12 investigadores e investigadoras.  

O luns día 13, en A Olímpica estarán Susana Ladra e Hilda Romero, investigadoras do CITIC, impartindo a charla “Segredos do son aos bits”, no que explicarán como a grafía das partituras está formada por patróns e características que permiten relacionar o son coa súa representación; ao mesmo tempo, os músicos poden buscar partituras co seu instrumento ou canturuxando, todo grazas á análise de datos e á información musical. Na mesma xornada tamén participará María José Servia, da Área de Zooloxía. O luns, no Bar Árnica, terán lugar os relatorios de Xavier Fonseca Blanco, da Área de Dereito Civil; e Paula Novo Valencia, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC.  

O martes 14 de maio no Bar Árnica, Xabier Pérez Couto, investigador do CITIC, falará sobre “O destino das estrelas”, na que explicará que pasará co Sol cando queime todo o seu hidróxeno e, polo tanto, que ocorrerá coa Terra e os demais planetas do Sistema Solar. Profundizará en que son as ananas brancas e porque son claves para coñecer o destino do planeta.  

O mesmo día tamén participarán José Antonio Cortés Vázquez, da Área de Socioloxía, no Bar Árnica; e Pedro Galán, da Área de Zooloxía; e Irene González, da Área de Dereito Civil; na Olímpica. O día 15, o Bar Árnica contará con Armand Hernández Hernández, do CICA; e na Olímpica participarán Israel Temprano e Casto Rivadulla, ambos do CICA. 

 

Pint of Science en Ferrol e Carballo 

O día 14 no Monique Coffee de Ferrol, o investigador do CITIC Salvador Naya impartirá “Máis que números e cervexas: a maxia dos datos!”. Nela abordará a relación entre a estatística, os datos e a industria da cervexa, e como esta influíu no desenvolvemento da estatística moderna contando a historia de William Sealy Gosset, que traballou como estatístico na cervexería Guinness a principios do século XX. Ademais, falará sobre o uso da intelixencia artificial na publicidade desta bebida co exemplo de Guinness, que empregou tecnoloxías emerxentes para mergullar ó publico en experiencias interactivas co obxectivo de reforzar a súa imaxe de marca.  

Na mesma xornada do martes 14 tamén participará Jesika Asatryan, do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). No caso do luns, o primer investigador da UDC en participar será Manuel Romero, da Facultade de Enfermaría e Podoloxía. Xa o día 15, Ana Álvarez García e Mariola López Morado, ambas do CITENI, converteranse nas dúas investigadoras protagonistas.  

No concello de Carballo, Pint of Science chega por primeira vez da man, entre outros membros da organización, de Verónica Bolón. A investigadora do CITIC amósase moi contenta de poder levar o festival ao seu lugar de procedencia “Para min, que me gusta moito a divulgación, é un orgullo e unha sorte poder levar este festival ao meu pobo e achegar a ciencia non só aos habitantes das grandes cidades. Confío en que vai ser un gran éxito e esperamos seguir celebrándoo moitos anos máis. Nesta primeira edición, todos os participantes son de Carballo ou con raíces moi fortes aquí, polo que será un festival totalmente de km 0. Temos un total de 8 poñentes, dos cales 3 somos da UDC: María Andrade Suárez, Eva María Souto García e eu mesma”.  

O día 15 de maio no Café Valle Inclán, Bolón falará sobre “Avances e desafíos da intelixencia artificial”, relatorio no que explorará os avances e desafíos da IA desde a súa orixe ata a actualidade, así como os seus desafíos éticos e sociais. 

Os puntos de encontro serán a Cafetería o Mercado (Mercado de Abastos, Rúa Gran Vía); O Bodegón (Rúa Vázquez de Parga, 68), e o Café Valle Inclán (Rúa Valle Inclán, 34). 

Pint of Science 2024 é un evento gratuíto para todos os asistentes. O programa completo por cidades pode consultarse en: https://pintofscience.es/.