CITIC

CITIC: inspirando a futuras científicas

14/02/2025 - CITIC
  • Investigadoras do Centro TIC da Universidade da Coruña comparten en primeira persoa a súa visión sobre o presente e futuro da presenza feminina en ciencia.

A Coruña, 14 de febreiro de 2025.- O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña e a Facultade de Informática da UDC celebraron o martes 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena e a Ciencia cun ciclo de charlas para estudantes. As investigadoras do CITIC da UDC Verónica Bolón Canedo, María Martínez Pérez, María José Martín Santamaría e Elena María Hernández Pereira foron as relatoras desta xornada pensada para estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional.

O obxectivo do ciclo “Directo 11F: Conecta con mulleres en informática” é promover a participación das mulleres na ciencia e visibilizar o seu traballo.

Por iso, tres das investigadoras do CITIC dannos a coñecer a súa visión sobre o presente e o futuro feminino na tecnoloxía.

A motivación: por que dedicarse á investigación tecnolóxica?

Para María Martínez Pérez, o seu camiño na investigación comezou en 2008, cando participou en proxectos financiados polo Instituto de Saúde Carlos III no Hospital da Coruña. O seu traballo centrouse no seguimento de pacientes e medicamentos utilizando tecnoloxía RFID (identificación por radiofrecuencia), o que permitiu minimizar eventos adversos e aumentar a seguridade en contornas clínicas. Esta experiencia definiu a súa liña de investigación actual: a integración de tecnoloxías IoT (Internet das Cousas) en diversas contornas.

Verónica Bolón Canedo descubriu a súa paixón pola investigación durante o seu proxecto de fin de carreira en enxeñería informática. Aínda que inicialmente non tiña unha vocación clara, sentiuse atraída pola posibilidade de usar a tecnoloxía para resolver problemas complexos. Hoxe, o seu traballo enfócase no desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.

María José Martín Santamaría sempre tivo unha curiosidade innata pola tecnoloxía. Desde pequena, desarmaba os seus xoguetes electrónicos para entender como funcionaban. Aínda que non sempre lograba volver armalos, esa curiosidade levou a estudar e doutorarse en física e, posteriormente, a dedicarse á investigación en computación cuántica, un campo que combina a súa formación en física coa súa experiencia en informática.

A evolución da presenza feminina en tecnoloxía

As investigadoras do CITIC coinciden en que, aínda que houbo avances, a presenza feminina en tecnoloxía segue sendo baixa. María José Martín Santamaría engade que é fundamental atraer a máis mulleres a estas disciplinas. “Se non logramos que máis mulleres se sumen, estamos a perder unha enorme cantidade de talento”, afirma. Verónica Bolón Canedo sinala que, nos últimos 20 anos, non se produciu un cambio significativo na porcentaxe de mulleres matriculadas en carreiras tecnolóxicas.

Con todo, as tres investigadoras teñen unha mensaxe clara para as nenas e novas interesadas neste campo. “A nosa perspectiva como mulleres é valiosa e achega moito á ciencia e á tecnoloxía”, afirma María Martínez.

Verónica Bolón destaca a importancia de que as mulleres participen no desenvolvemento tecnolóxico para que as súas necesidades tamén sexan tidas en conta. “A tecnoloxía vai influír moito nas nosas vidas, e é crucial que as mulleres esteamos presentes na súa creación”, sinala.

María José Martín Santamaría lémbralles que, aínda que o ámbito tecnolóxico segue sendo maioritariamente masculino, hai espazo para todas. “Se lles interesa, que vaian a por iso. Hai temas apaixonantes por descubrir e talento que merece ser desenvolvido”, conclúe.

A tecnoloxía vai influír moito nas nosas vidas, e é crucial que as mulleres esteamos presentes na súa creación.

A divulgación científica, unha peza clave

As tres investigadoras coinciden na importancia de xornadas como a do MUNCYT para achegar a ciencia e a tecnoloxía ao público xeral. María Martínez Pérez destaca que estes espazos favorecen a difusión do coñecemento e axudan a espertar vocacións científicas.

Verónica Bolón Canedo engade que a divulgación é clave para que a sociedade comprenda a necesidade de investir en ciencia e tecnoloxía. “É fundamental mostrar referentes femininos e demostrar que as mulleres tamén poden facer contribucións extraordinarias nestes campos“, afirma. María José Martín Santamaría subliña a importancia de iniciativas como as charlas de divulgación científica e programas como Inspira STEAM (liderado polo CITIC en Galicia), que buscan incentivar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os estudantes de primaria.

Próximos proxectos e o futuro da investigación

María Martínez Pérez continúa traballando na integración de tecnoloxía RFID en diversas contornas, como por exemplo a xestión de explotacións gandeiras, ou no sector sanitario, como a obtención de trazabilidade de pacientes en residencias de maiores. Ademais, forma parte do proxecto Talentos Inclusivos, que busca fomentar a inclusión social desde o ámbito científico.

Verónica Bolón Canedo está enfocada no desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial máis eficientes e sostibles, co obxectivo de reducir o seu impacto ambiental.

María José Martín Santamaría, pola súa banda, está a traballar no campo da computación cuántica, unha área cun enorme potencial de desenvolvemento que combina a física e a informática.

As historias das tres investigadoras do CITIC son un testemuño do talento e a dedicación das mulleres na investigación tecnolóxica. Aínda que queda moito por facer para lograr unha maior igualdade de xénero neste ámbito, o seu traballo e o seu compromiso coa divulgación e a inclusión son un exemplo inspirador para as futuras xeracións.