CITIC

Conclúe a sétima edición do Congreso XoveTIC, cun 48% máis de traballos presentados

18/10/2024 - CITIC
  • O CITIC da UDC, que organiza o evento, acolleu este venres a entrega dos 9 premios cos que se recoñece as mellores investigacións.  
  • As 74 investigacións presentadas reflicten o carácter interdisciplinar das TIC e o seu impacto en sectores tan diversos como o deporte, a saúde, a educación e a preservación cultural, destacando o potencial destas tecnoloxías para transformar e mellorar diversos aspectos da sociedade. 

A Coruña, 18 de outubro de 2024.- O VII Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións  da Universidade da Coruña, rematou este venres coa entrega de premios,  tras dúas xornadas de intensa actividade. Este ano, o evento experimentou un notable crecemento, cun total de 74 traballos presentados fronte aos 50 da edición anterior, o que representa un incremento dun 48% respecto do ano pasado. A participación de 120 investigadores junior consolidou o congreso como un foro clave para o intercambio de ideas e a presentación de avances no ámbito das TIC.  

Durante a cerimonia de clausura, entregáronse 9 premios que recoñecen a excelencia nos traballos máis destacados do congreso. Cada galardón ten unha dotación económica de 300 euros. O Premio Fundación CITIC foi outorgado polo Comité Científico que avalía os proxectos presentados, mentres que os Premios Cluster TIC Galicia ao mellor póster e á mellor comunicación oral foron seleccionados mediante votación popular entre os asistentes. Así, resultaron gañadores: 

  • Mellor Comunicación Oral para Lara Pallas Quintela, Ángel Regueiro, Carlos Dafonte, Minia Manteiga, Raúl Santoveña e Daniel Garabato por “Removing Reddening to Enhance Gaia’s XP Spectra Clustering”. 
  • Mellor Póster para Santiago Fernández-Noriega Balseiro, Iago Fernández Garrido, Jerónimo José Pardo Rodríguez, Laura Nieto Riveiro, Ángel Gómez e María Martínez Pérez por “CuidaconTIC: Captura y utilización de datos de wearables para la calidad de vida en los cuidados”. 
  • Premio Fundación CITIC para a investigación de María González e  Hiram Varela sobre “Simulation of fluid flow through composite materials”.  
  • Premio CICAS-Sngular para Eliseo Bao, Anxo Pérez e Javier Parapar polo seu traballo titulado “Adapting Large Language Models for Underrepresented Languages”  (Cabuxa, o ChatGpt galego). 
  • Premio ITG ao traballo “Implementation of a User Anonymity Application using a Privacy-Preserving Entropy-as-a-Service with Quantum Security” dos autores Iván Cillero Seijas, David Soler García, Francisco Javier Nóvoa Manuel, José Carlos Dafonte Vázquez, Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández-Veiga. 
  • Premio Cátedra R para Pedro García Cereijo, Paula Fraga Lamas e Tiago M. Fernández Caramés pola súa investigación titulada “Sistema de almacenamento seguro mediante IPFS e oráculos para aplicacións descentralizadas baseadas en blockchain”. 
  • Premio Cátedra ALDABA-WIB (Women, ICT & Business) ao traballo “Effectiveness of Virtual Reality in Reducing Public Speaking Anxiety: A Pilot Study” de María Oliveira, Raquel Simões de Almeida, Paulo Veloso Gomes, João Donga, Bruno Teixeira, António Marques e Javier Pereira. 
  • Premio Cátedra NTT Data a Lucas Alonso de San Segundo e Adriana Dapena polo seu traballo titulado “Aplicación para tablet para traballar as rutinas, o sentido do humor e a comprensión dos sentimentos a través de diferentes xogos en persoas con TEA”. 
  • Premio CPEIG Jorge Paz Ruza, Alex A. Freitas, Amparo Alonso Betanzos e Bertha Guijarro Berdiñas por “Aprendizaje Positivo sin Etiquetas para Identificar Nuevos Genes Relacionados con la Restricción Dietética”. 

O acto de clausura contou coa participación de diversas autoridades como Jerónimo Puertas Agudo, Vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña; Antonio del Corral, en representación do Cluster TIC Galicia; Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica del Concello da Coruña, Mariano Javier Cabrero Canosa, decano da Facultade de Informática da UDC e Javier Pereira Loureiro, Subdirector do CITIC 

Temáticas abordadas 

A través das 46 comunicacións orais e os 28 pósteres, o congreso abarcou unha ampla gama de temáticas de actualidade dentro do ámbito TIC. Entre os temas tratados destacaron os avances en intelixencia artificial aplicada á análise de datos deportivos, tecnoloxías inmersivas para a formación en contornos complexos, e o uso de ferramentas dixitais para a mellora da calidade de vida en persoas con necesidades especiais. Tamén se abordaron cuestións clave como a preservación de linguas minoritarias a través de modelos de procesamento da linguaxe natural, e o desenvolvemento de novas metodoloxías baseadas en aprendizaxe automática aplicadas a áreas como a saúde dixital e a biotecnoloxía. 

Estas investigacións reflicten o carácter interdisciplinar das TIC e o seu impacto en sectores tan diversos como o deporte, a saúde, a educación e a preservación cultural, destacando o potencial destas tecnoloxías para transformar e mellorar diversos aspectos da sociedade. 

Gran participación 

O VII Congreso XoveTIC supuxo un éxito tanto en participación como en calidade das contribucións. Os organizadores subliñaron o aumento do número de traballos, así como o elevado nivel das investigacións presentadas. O congreso consolídase, ademais, como un espazo fundamental para a formación de investigadores emerxentes e a promoción da colaboración entre a universidade e o sector empresarial, favorecendo a transferencia de coñecemento e a innovación tecnolóxica.