Convocatoria para o financiamento de proxectos de investigación sobre o COVID-19
20/03/2020
O Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) publica unha convocatoria urxente de expresións de interese para o financiamento extraordinario de proxectos de investigación sobre SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19, co obxectivo de aportar coñecemento a curto prazo sobre o virus, así como solucións para un mellor manexo da enfermidade e o seu impacto nas persoas, para contribuír a un tratamento eficiente.
As propostas deben ser axeitadas á situación de urxencia e, xa que logo, que permitan unha implementación e posta en marcha inmediata no Sistema Nacional de Saúde, con resultados concretos, temperáns e aplicables á situación actual.
O alcance destas propostas poderá ser:
- Técnicas de diagnóstico virolóxico rápido do COVID-19, escalables industrialmente e aplicables á asistencia sanitaria, con orientación prioritaria cara ao diagnóstico dos estadios precoces da infección en humanos e que permitan predicir gravidade con fins de estratificación asistencial.
- Caracterización clínica-biolóxica-molecular da enfermidade COVID-19, estadios, estratificación pronóstica e complicacións.
- Desenvolvemento de terapias innovadoras, novas moléculas antivirais, antisépticos e desinfectantes fronte ao SARS-CoV-2. Estudos de resistencia antiviral. Efectividade de intervencións non farmacolóxicas, profilácticas e terapéuticas.
- Caracterización do virus SARS-CoV-2, coñecemento da variación xenética e antixénica do SARS-CoV-2 así como da resposta inmunolóxica ao virus SARS-CoV-2 e da interacción virus-hóspede.
- Desenvolvemento de vacinas, eficacia e aplicabilidade.
- Vixilancia epidemiolóxica do COVID-19 e epidemioloxía molecular: incidencia da mortalidade e morbilidade. Factores ambientais e sociais da propagación. Factores de risco e dinámica poboacional da infección polo SARS-CoV-2.
- Impacto socio-económico do COVID-19. Utilización de recursos de atención primaria, recursos hospitalarios xenerais e recursos de coidados críticos.
- Intelixencia artificial e análise masiva de datos integrados orientados ao control epidemiolóxico da enfermidade COVID-19.