CITIC

Cristian R. Munteanu e Alejandro Pazos colaboran no desenvolvemento dunha app con IA para a detección de pólipos de colon

27/04/2021 – CITIC

Os investigadores do CITIC Cristian R. Munteanu e Alejandro Pazos desenvolveron unha aplicación móbil con Intelixencia Artificial para a detección de pólipos de colon en imaxes de colonoscopia, en colaboración cun grupo internacional de programadores XLandC e a Rede Galega de Investigación sobre Cancro Colorrectal (REGICC). O equipo creou Polyp detector, unha aplicación gratuíta descargable desde Google Play.

Trátase dunha implementación dun modelo de Deep Learning no formato Tensorflow Lite e programada en Flutter. Ademais de ser gratuíta e sen publicidade, esta aplicación é privada, polo que non envía datos a ningún servidor e todas as predicións son locais no propio dispositivo. A precisión da predición desde imaxes ou tomando fotos coa cámara é de máis dun 93 %. Aínda se trata dunha aplicación prototipo que se seguirá desenvolvendo para que, nun futuro próximo, se poidan detectar pólipos de colon en vídeos de colonoscopias.