
Dano Cerebral Galicia e Lugo exploran no CITIC aplicacións de realidade virtual para a recuperación funcional
O CITIC da UDC recibiu recentemente a visita de representantes das entidades Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo, quen mantivo un encontro co investigador Manuel Lagos para coñecer e probar varias das aplicacións de realidade virtual desenvolvidas no centro. Estas ferramentas, deseñadas especificamente para a rehabilitación física e cognitiva de persoas con dano cerebral adquirido, supoñen un importante avance no uso das tecnoloxías con fins terapéuticos.
Durante a xornada, os visitantes tiveron a oportunidade de experimentar en primeira persoa con algunhas das solucións que se están desenvolvendo no marco de diferentes proxectos de investigación. Unha delas foi VR Home Activities, unha aplicación que simula actividades da vida diaria como preparar o almorzo, colocar froita nun frutero ou utilizar cubertos. O seu obxectivo é traballar tanto as capacidades motoras como cognitivas, a través de contornas virtuais que resultan familiares e funcionais para os usuarios.
Tamén puideron coñecer ATENDIS-VR, unha aplicación desenvolvida polo CITIC en colaboración coa Fundación ADCOR, e financiada pola Axencia Galega de Innovación a través do programa InnovaPeme 2023. Esta ferramenta ofrece un conxunto de actividades de estimulación cognitiva deseñadas para o seu uso con dispositivos Meta Quest 2 e 3. Consta de sete exercicios diferentes con niveis de dificultade adaptativos, pensados para reforzar de forma integral as capacidades físicas e cognitivas dos usuarios, fomentando a súa implicación a través dunha experiencia inmersiva e accesible.
A visita incluíu tamén unha demostración do Supermercado 4.0, un proxecto seleccionado na segunda convocatoria do Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común. Esta aplicación recrea unha contorna de supermercado no que as persoas poden practicar tarefas como buscar e seleccionar produtos, xestionar a cesta da compra ou realizar o pago en caixa. O obxectivo é traballar habilidades instrumentais que favorezan a autonomía en actividades cotiás.
O encontro permitiu mostrar o potencial da realidade virtual en procesos de rehabilitación e explorar posibles vías de colaboración futura entre o CITIC e as asociacións de dano cerebral.
As visitas enmárcanse na liña de traballo de compromiso do centro co desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas ao ámbito sociosanitario, apostando por unha innovación inclusiva e centrada nas persoas.