CITIC

Deep Design Systems, nova spin off da Universidade da Coruña

18/12/2025 - CITIC
  • Consolídase así unha alianza estratéxica que une investigación científica de primeiro nivel con innovación industrial en intelixencia artificial, deseño e enxeñaría

A Coruña, 18 de decembro de 2025.- A Universidade da Coruña conta desde este mes cunha nova spin off,  Deep Design Systems (DDS), que vén de formalizar a súa constitución nunha spin off, consolidando así unha alianza estratéxica que une investigación científica de primeiro nivel con innovación industrial en intelixencia artificial, deseño e enxeñaría. A compañía conta coa participación de José Antonio Iglesias Guitián e Luis Omar Álvarez Mures, persoal investigador do CITIC, cuxa experiencia e traxectoria contribúen a reforzar a súa capacidade tecnolóxica e de transferencia de coñecemento.

DDS está a desenvolver o primeiro Strategic Intelligence Engine da industria: unha plataforma de software que integra criterios de enxeñaría, impacto ambiental e necesidades do mercado directamente nas propostas de concepto temperán.

En termos prácticos, permite acceder a información propia de fases avanzadas do desenvolvemento no mesmo momento en que nace a idea, acelerando a validación de trade-offs e evitando custosos ciclos de redeseño. O sistema está deseñado para mellorar a toma de decisións executivas mantendo sempre á persoa no centro.

DDS transforma o deseño dun proceso puramente visual nun punto de integración estratéxica, salientando unha produción máis ética e consciente co medioambiente, acurtando drasticamente os prazos de lanzamento e reforzando a coherencia entre departamentos.

Actualmente en fase avanzada de prototipo (TRL 5), a plataforma estase co-desenvolvendo xunto a socios especializados en ciencia computacional, enxeñaría e mobilidade en Europa e Estados Unidos. “Este fito consolida o noso fundamento científico e acelera a nosa misión de transformar a maneira en que se conciben e avalían os produtos”, afirma José R. López, co-fundador e CEO de DDS.

“A UDC, a través do CITIC, foi clave para impulsar os límites da IA e a ciencia computacional. Xuntos estamos a configurar unha visión máis intelixente, responsable e estratéxica da toma de decisións en contornas industriais enfrontadas a problemas cada vez máis complexos.”

O acordo permite a DDS acceder de forma preferente a talento investigador, infraestrutura de computación de altas prestacións e experiencia multidisciplinar en intelixencia artificial, visión por computador e simulación numérica, elementos clave para reforzar aínda máis a súa folla de roteiro científico e tecnolóxico.

A través desta alianza, que contou co apoio da Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da UDC, encargada da creación de empresas baseadas en coñecemento, a Universidade da Coruña e DDS converténse en socios estratéxicos, fortalecendo a misión común: impulsar unha novo paradigma en deseño e enxeñería asistida por intelixencia artificial, integrando análise ambiental, simulación física, creatividade e decisión multidimensional nun único sistema.

Sobre Deep Design Systems

Deep Design Systems S.L. é unha startup deeptech con sede na Coruña (España) e presenza en Reino Unido, Italia e Estados Unidos. Axuda ás compañías product-led a acelerar lanzamentos, tomar mellores decisións e liderar de forma máis consciente, integrando intelixencia estratéxica, validación de enxeñería e análise de sustentabilidade en tempo real.