Divulgación de resultados do proxecto GEMA
O vindeiro venres 26 de febreiro ás 12:00 horas realizarase no CITIC a presentación e difusión de resultados do proxecto GEMA (GEstión de la MovilidAd). O proxecto, financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
No acto participarán representantes das cinco entidades participantes no proxecto, explicando os resultados acadados coa iniciativa. As entidades participantes son o CITIC, GESUGA – Gestora de subproductos de Galicia, AO Mayores Servicios Sociales e TAPREGA Prevención de Riesgos e Enxenio.
O evento transmitirase a través da canle de Youtube do CITIC.
O proxecto GEMA comezou a súa andadura en abril de 2019 e rematou a finais de 2020, abordando catro retos de investigación: a planificación intelixente de roteiros, axendas e horarios; a etiquetaxe semántica automática de traxectoria; a representación, almacenamento e explotación eficiente de traxectorias; e o desenvolvemento automatizado de software de Mobile Workforce Management.
GESUGA, AO Maiores Servizos Sociais e TAPREGA desenvolveron un prototipo de aplicación de xestión de traballadores en mobilidade para planificar, controlar e explotar estatisticamente as traxectorias que fan os seus traballadores no seu día a día no proceso de visitar clientes ou desprazarse dentro das súas instalacións. Enxenio, pola súa banda, desenvolveu un prototipo de aplicación capaz de automatizar a creación de novas aplicacións de mobilidade o que lle facilitará o poder ofrecer aos seus clientes aplicacións deste tipo cun menor custo.
Esta iniciativa obtivo un financiamento de preto de 800.000 euros por parte da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do programa Conecta Peme, cuxo obxectivo é fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do sistema rexional de innovación a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. Ademais, estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.