Dous másteres coordinados por investigadores do CITIC reciben a mención de excelencia da Xunta
27/09/2022 – CITIC
O Máster en Matemática Industrial, coordinado polo investigador do CITIC Íñigo Arregui Álvarez e organizado polas tres universidades galegas, xunto coas universidades Carlos III e Politécnica de Madrid, e o Máster en Computación de Altas Prestacións, coordinado por Jorge González Domínguez e impartido entre as universidades da Coruña e Santiago de Compostela, recibiron recentemente a mención de Máster Universitario Excelente por parte da Xunta de Galicia. Nesta resolución, o goberno galego tamén recoñeceu ao Máster en Produción Xornalística e Audiovisual, organizado pola UDC.
Así, estas mencións únense ás acadadas en 2021 polo Máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde, coordinado polo subdirector do CITIC Javier Pereira, e en 2020 polo Máster en Enxeñería Informática, coordinado polo investigador do centro José Manuel Vázquez Naya.
A Universidade da Coruña participa en sete dos nove másteres recoñecidos pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades nesta distinción que pretende favorecer a posta en marcha de medidas de mellora da calidade na oferta de másteres universitarios oficiais impartidos polas universidades do Sistema Universitario de Galicia.
Para a concesión da mención valóranse criterios que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboran, procedemento de selección, existencia de titorización e mentorización, etc. Tamén son avaliados os resultados da titulación, tendo en conta as enquisas de satisfacción, o seguimento dos/as egresados/as no mercado laboral e indicadores de recoñecemento. Ademais, tense en conta o profesorado con aspectos como os seus méritos, a adecuación do seu currículo cos contidos que se imparten, e o prestixio do profesorado procedente doutras universidades e de conferenciantes externos/as. Por último, valóranse tamén a estratexia do máster, o plan de estudos e as oportunidades de emprendemento.