O CITIC acolle a visita da secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación
27/07/2018
O xoves 26 de xullo, a secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación acudiu ás instalacións do CITIC. Tras ser recibida polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, comezou a visita guiada a cargo do director do CITIC, Manuel González Penedo.
A secretaria de Estado puido coñecer todas as instalacións do centro; así como os laboratorios e o viveiro de empresas do CITIC. Comprobou tamén como funciona un voo autónomo non tripulado dun dron de liña SmartDrones, desenvolvida pola empresa Avasing, pertencente a investigadores ligados ao CITIC. E, ademais, o centro deu a coñecer os seus avances na integración da tecnoloxía LIDAR para drons.
Ao finalizar a visita, tivo lugar no paraninfo do Reitorado da UDC o acto de presentación da Memoria de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña 2016-2017, cuxa elaboración é froito do convenio de colaboración asinado por Inditex e a UDC.