O CITIC acolle un ciclo de conferencias sobre ciencia forense dixital
05/12/2019
O próximo 9 de decembro terán lugar na sala Cloud do CITIC unha serie de conferencias abertas a toda a comunidade científica, sobre informática forense impartidas por especialistas en ciencia forense dixital procedentes de entidades de Italia, Suíza, Alemaña, Francia e España, coa finalidade de dar visibilidade ás oportunidades que proporciona a Acción COST. A sesión de conferencias estará moderada por Pedro Cabalar, investigador do CITIC e coordinador do Grupo de Traballo 3 da rede europea DigForASP.
Os relatorios impartiranse no marco da celebración dunha reunión do grupo de traballo que forma a acción COST europea, encadrada dentro das actividades do Work Group 3: Prototypes and Platforms, onde 7 investigadores da rede, provenientes de Alemaña, Suíza, Italia, Francia e as universidades españolas de Cádiz e a Politécnica de Madrid, visitarán a Universidade da Coruña para reunirse co grupo local da rede.
A asistencia é gratuíta e require previa inscrición que se pode realizar a través do seguinte formulario.
O programa da xornada pódese consultar na seguinte ligazón.
O proxecto internacional DigForASP, no que o CITIC participa desde 2018, baséase no desafío de crear unha rede para explorar o potencial da aplicación da intelixencia artificial e o razoamento automatizado no campo forense dixital, e crear sinerxias nestes ámbitos. Especificamente, o desafío é abodar a fase de análise de evidencia, onde a evidencia sobre posibles delitos e os perpetradores de delitos recompilados de varios dispositivos electrónicos deben ser explotados para reconstruír posibles eventos, secuencias de eventos e escenarios relacionados cun delito. Os resultados da análise de evidencia póñense ao dispor das forzas da orde, investigadores, fiscais, avogados e xuíces.
Este proxecto conta co respaldo do Programa de Cooperación Europea en Ciencia e Tecnoloxía ( COST), financiado polo Programa Marco Horizonte 2020 da Unión Europea, que busca fortalecer a investigación científica e técnica en Europa mediante o financiamento do establecemento de redes de colaboración entre investigadores.