Presentación no CITIC do proxecto GEMA, financiado pola GAIN a través de Conecta Peme
26/07/2019
O CITIC da UDC será o escenario de presentación do proxecto de investigación GEMA: “GEstión de la Movilidad”, cuxo obxectivo é abordar catro retos de investigación: a planificación intelixente de rutas, axendas e horarios; a etiquetaxe semántica automática de traxectoria; a representación, almacenamento e explotación eficiente de traxectorias, e o desenvolvemento automatizado de software de Movile Worforce Management. O proxecto xa iniciou a súa andaina o pasado mes de marzo e prolongarase ata febreiro do ano 2020.
O CITIC participa neste proxecto en consorcio xunto con catro pemes galegas: Xestora de Subproductos de Galicia S.L., Enxenio S.L., AO Maiores Servizos Sociais S.L. e Taprega Prevención de Riscos S.L. Estas cinco entidades, mediante a presenza dos seus representantes, serán as protagonistas no acto de presentación do proxecto que terá lugar na sala Cloud do CITIC o luns 29 de xullo ás 11:00 horas.
Esta iniciativa obtivo un financiamento de preto de 800.000 euros por parte da GAIN (Axencia Galega de Innovación) a través do programa Conecta Peme, cuxo obxectivo é fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do sistema rexional de innovación a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. Así, o proxecto GEMA foi subvencionado na convocatoria Conecta Peme 2018 pola Axencia Galega de Innovación, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e cofinanciado polos fondos FEDER da Unión Europea.
A entrada ao acto de presentación é libre ata completar aforo.