O CITIC asiste ao ICT 2018 organizado pola Comisión Europea
05/12/2018
Catro integrantes do CITIC asisten estes días ao ICT 2018 (Imagine Digital – Connect Europe), un dos maiores eventos no ámbito das TIC, organizado pola Comisión Europea e que este ano se celebra en Viena. Os asistentes son o director do CITIC, Manuel González Penedo; o investigador especialista en computación de altas prestacións (HPC), Ramón Doallo; o investigador especialista en visión artificial aplicada a medicina, Marcos Ortega, e a técnica de I+D+i, María Montero.
O persoal do CITIC tivo a oportunidade de acudir a diferentes conferencias de interese, no ámbito da Intelixencia Artificial, a ciberseguridade, a computación, etc. Ademais, o evento é unha oportunidade para reforzar colaboracións existentes e buscar novas alianzas. Desta forma, puideron reunirse con Levent Gürgen, R&D Project Manager do CEA en Francia.
Durante os tres días de duración do evento abórdanse todas as novidades en I+D+i do sector TIC, baixo os formatos de conferencias principais, sesións de networking e encontros bilaterais previamente concertados. Tamén conta cunha sala de exhibicións na que se mostran os resultados de proxectos europeos exitosos e onde as principais axencias europeas e plataformas tecnolóxicas están presentes con stands; nalgunhas destas plataformas, como a BDVA de Big Data, a ETP4HPC de HPC, e a ECSO de ciberseguridad, participa o CITIC como membro.