CITIC

O CITIC desenvolve un proxecto para a detección precoz do cancro de mama

26/03/2020

O CITIC está desenvolvendo o proxecto de transferencia CADIA: Sistema de axuda á detección de diversas patoloxías baseándose na análise de imaxes con técnicas de Intelixencia Artificial, liderado polos investigadores Marcos Ortega e Jorge Novo, en colaboración coa UTE formada polo Centro Tecnolóxico Vasco Vicomtech, especializado Artificial Intelligence, Visual Computing & Interaction, e a empresa aragonesa Inycom, que ofrece solucións e servizos tecnolóxicos e innovadores no ámbito da saúde.

O obxectivo da colaboración é desenvolver un sistema de axuda á detección precoz de cancro de mama, entre outras patoloxías, baseado en técnicas de Intelixencia Artificial aplicada á saúde para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Así, desenvolverase e validará unha metodoloxía de detección e conteo de núcleos celulares en imaxes histopatolóxicas tinguidas mediante hematoxilina e eosina e almacenadas nunha estrutura DICOM WSI.

Este proxecto de transferencia enmárcase na modalidade de compra pública innovadora impulsada no marco de Código 100, un proxecto financiado nun 80 % polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020 a través do convenio de colaboración co Ministerio de Ciencia e Innovación.