O CITIC forma parte da Rede Nacional sobre Intelixencia Artificial en Biomedicina
17/02/2020
Un grupo de investigadores da área de Intelixencia Artificial do CITIC, representados por Bertha Guijarro, forma parte da Rede Nacional sobre Intelixencia Artificial en Biomedicina (IABiomed-net) como expertos en IA aplicada á Biomedicina, xunto con outros 12 grupos de investigación. En xaneiro celebrouse unha reunión para a posta en marcha da rede, que tivo lugar no Centro de Tecnoloxía Biomédica da Universidade Politécnica de Madrid.
Durante a xornada debateuse sobre liñas de actuación para consolidar a IA no ámbito Biomédico a nivel nacional e definíronse estratexias para estreitar as colaboracións entre os diferentes grupos de investigación que integran a rede IABiomed-net. Igualmente, é un obxectivo fundamental dar respostas ás demandas da cidadanía sobre os grandes retos sociais que implica a implantación da IA no ámbito Biomédico.
A rede, financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten nas súas bases o compromiso de actuar como axente integrador e inclusivo de todos os grupos españois de I+D+I punteiros na aplicación de tecnoloxías de Intelixencia Artificial (incluíndo a Aprendizaxe Automática e o Procesamento da Linguaxe Natural) á resolución de problemas no ámbito biomédico.