CITIC

O CITIC organiza unha charla divulgativa no IES U. Laboral co obxectivo de achegar a ciencia a os máis novos

14/12/2018

O CITIC, dentro do seu afán de achegar a ciencia aos mozos, organizou o pasado mércores unha charla científica divulgativa dirixida a máis de 100 alumnos de 1º e 2º de bacharelato do IES Universidade Laboral da Coruña na que se lles mostrou as investigacións máis punteiras relacionadas coas novas tecnoloxías e a ciencia. 

Na primeira parte da charla, Salvador Naya, Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC presentou as novas titulacións da UDC, como o Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos, para continuar cunha exposición de proxectos de I+D que se desenvolven no ámbito dos modelos e métodos estatísticos e matemáticos, una das áreas de investigación do CITIC da UDC. 

Na segunda metade da charla, Jesús Díaz, da área de transferencia do CITIC e profesor de matemáticas do IES Universidade Laboral, continuou a exposición falando das diferentes áreas tecnolóxicas do CITIC que conforman as liñas de investigación do centro. Expuxo diferentes proxectos de I+D do CITIC desde un punto de vista divulgativo trasladándolles aos alumnos conceptos como que é a visión artificial, intelixencia artificial ou big data.