O CITIC participa no Kick-off do Doutorado Industrial Europeo ABC-EU-XVA
01/03/2019
O CITIC participará nun novo Doutorado Industrial Europeo (EID), obtido recentemente na convocatoria de 2018 de MSCA (Marie Curie) do Programa H2020. A reunión de arranque (Kick-off) do proxecto ABC-EU-XVA celebrouse os días 5 e 6 de febreiro no CWI de Amsterdam. Participan tamén como beneficiarios académicos as Universidades de Bolonia (Italia), Delft (Holanda) e Libre de Bruselas (Bélxica), nas que estarán inscritos os doutorandos.
Na reunión de arranque, o investigador do CITIC Carlos Vázquez fixo unha presentación do grupo do centro que participará no proxecto, mostrando as súas capacidades na temática e o seu papel no desenvolvemento do proxecto.
O tema do doutorado industrial está relacionado cos axustes de valoración (XVA) como consecuencia da consideración do risco de contrapartida na valoración de produtos financeiros. Trátase dun tema de gran actualidade e relevancia para o sector financeiro, que require de ferramentas matemáticas, numéricas e computacionais avanzadas. Os paquetes de traballo (Workpackages) organizáronse para cubrir as diferentes etapas desde o modelado, pasando pola análise dos modelos, o deseño dos algoritmos e a súa implementación eficiente, ata o tratamento con datos reais. Deseñáronse distintos eventos internacionais relacionados coa formación e a investigación no tema do doutorado industrial. En particular, en xullo de 2019 celebrarase na UDC un curso de Python para finanzas e o Third International Congress in Computational Finance (ICCF2019).
En canto aos seis doutorandos que se formarán dentro do proxecto e que deben cumprir as normas de mobilidade da convocatoria MSCA, dous deles inscribiranse no programa de Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas da UDC e estarán contratados durante tres anos pola UDC. O doutorado industrial europeo ABC-EU-XVA finaliza en outubro de 2022.