CITIC

O CITIC participa nunha Learning Expedition LEX en Israel

15/03/2019

O representante do CITIC na plataforma europea ECHAlliance, Marcos Ortega, asistiu á Learning Expedition LEX que tivo lugar en Israel do 11 ao 15 de marzo, invitado polo Clúster Saúde de Galicia. O principal obxectivo da Learning Expedition é identificar socios estratéxicos e posibilidades de colaboración, así como coñecer as últimas tendencias e boas prácticas de emprendemento, innovación e xestión local no ámbito da saúde. Marcos Ortega estivo acompañado polo business development manager do Grupo Varpa, integrado no CITIC, Pablo Guillemette.

A axenda destes días estivo repleta de actividades, sendo as máis destacadas as visitas ao Centro Médico Hadassh en Xerusalén, ao Hospital Rabin en Tel-Aviv, á incubadora de empresas eHealth Ventures e ao Google Campus para startups de TelAviv. Ademais, tamén se mantiveron reunións bilaterais con empresas israelís do sector saúde.

Esta actividade intégrase na axuda do IGAPE ao Cluster Saúde de Galicia, denominada “Apoio na promoción exterior conxunta das empresas -Convocatoria Pública Exporta Organismos Intermedios-”. O CSG busca con estas axudas mellorar a internacionalización e fomentar a innovación do sector saúde de Galicia.

A participación nesta actividade está cofinanciada ao 80 % a través do IGAPE e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do Programa Operativo Galicia 2014-2020.