CITIC

O CITIC participa nunha misión comercial inversa con empresas de Asia e Latinoamérica

27/11/2018

O responsable de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC, Manuel Bustabad, participou esta mañá nunha nova edición da Misión Comercial Inversa organizada polo Clúster TIC Galicia. Manuel Bustabad presentou as capacidades do CITIC e as súas principais liñas de actividade en I+D+i.

Nesta ocasión participaron empresas procedentes de Cuba, México e Xapón co obxectivo de coñecer de primeira man as posibilidades de negocio no sector TIC galego. Desde Cuba acudiu Radiocuba, empresa pertencente ao Ministerio de Comunicacións. De México acudiron as empresas Under Armour, marca de retail deportiva con 22 anos de traxectoria; Miniso, empresa de fast- fashion que ofrece produtos para o fogar, beleza, moda, tecnoloxía e deportes; e Viva Aerobus, pertencente ao grupo de transporte terrestre IAMSA, o máis grande do país. En representación de Xapón acudiu TV Setouchi, a única estación da rede TX presente na rexión de Chugoku- Shokoku.

O Clúster TIC Galicia organiza esta actividade, cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ( FEDER) co obxectivo de fomentar a exportación do sector tecnolóxico galego, a través da captación de prescritores no sector internacional e da comercialización a nivel mundial dos produtos innovadores dixitais que se están desenvolvendo en Galicia.

Nos próximos días, a acción completarase con reunións de negocio bilaterais e visitas das organizacións estranxeiras ás sedes dalgunhas das entidades e empresas galegas, para coñecer o seu potencial innovador e os seus procesos de produción e comercialización.