CITIC

O CITIC recibe a visita do alumnado do IES Universidade Laboral

15/05/2019

Esta mañá o CITIC recibiu a visita dun grupo de alumnos e alumnas de 1º de bacharelato do IES Universidade Laboral de Culleredo. O subdirector do CITIC, Javier Pereira, e o integrante da unidade de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC e profesor do IES Universidade Laboral, Jesús Díaz, presentaron ao alumnado o centro e as súas principais liñas de actuación.

Posteriormente, as investigadoras Paula Fraga e Lucía Ramos achegaron ao alumnado as súas investigacións no ámbito das TIC. Para comezar, Paula Fraga abordou o potencial da tecnoloxía 5G e a aplicabilidade da sensórica a diferentes ámbitos, ademais de amosar as súas investigacións no ámbito da realidade virtual e a realidade aumentada. Pola súa parte, Lucía Ramos falou aos asistentes sobre a aplicabilidade da Intelixencia Artificial ao ámbito da saúde; en concreto, de análise de imaxes oftalmolóxicas para a prevención e seguimento de diferentes patoloxías. Ademais, tamén explicou as súas investigacións sobre o estudo de imaxes de lineais mediante IA en puntos de venta para realizar estudos de mercado, así como do análise de imaxes recollidas por cámaras de seguridade para analizar o comportamento de persoas ou obxectos.

Seguidamente, o investigador Óscar Blanco realizou unha demostración do voo dun dron creado no marco do proxecto colaborativo Concordance sobre a prevención de colisións para UAVs utilizando técnicas de Deep Learning e sensórica optimizada.

Para finalizar, os investigadores Alberto Alvarellos e Ignacio Fraga presentaron o proxecto colaborativo Treboada, no que se utilizan técnicas de predición de precipitacións mediante sensores de baixo custe e aprendizaxe máquina. Así, os asistentes puideron coñecer o funcionamento dun sensor de predición de precipitacións na cuberta do CITIC.