O CITIC viaxa a Bruxelas para buscar novas vías de colaboración e coñecer as últimas novidades en TIC
11/10/2018
Esta semana o CITIC viaxou a Bruxelas para asistir a varias reunións e eventos co obxectivo de expandir o seu rango de actuación, establecer novas vías de colaboración con entidades e empresas e coñecer as claves do próximo Programa Marco de Investigación e Innovación da UE para 2021-2027.
En primeiro lugar, o CITIC reuniuse con Lyon Ashley, o responsable da área de TIC, aeronáutica e espazo de Invest in Wallonia, a Axencia Valona para a Exportación e o Investimento Estranxeiro ( AWEX). Trátase dunha organización pública á que se poden dirixir as entidades estranxeiras interesadas en colaborar con empresas e entidades de Valonia. Así, o obxectivo da reunión foi atopar sinerxias entre o CITIC e diferentes universidades e empresas da rexión.
O CITIC tamén asistiu á Semana Europea das Rexións e Cidades, que tivo lugar en Bruxelas do 8 ao 11 de outubro. O obxectivo do evento foi mellorar a comprensión da política de cohesión da UE e o seu potencial de investigación. Estivo estruturado nunha serie talleres nos que se presentaron novas investigacións sobre desenvolvemento rexional e urbano por parte de académicos e investigadores de renome no campo da política de cohesión da UE e políticas relacionadas de diferentes países europeos.
Por último, o equipo do CITIC reuniuse con Marina Martínez na oficina de SOST- CDTI que lles explicou as claves do que será “Horizonte Europa”, o próximo Programa Marco de Investigación e Innovación da UE para 2021-2027. O programa contará con 97,6 millóns de euros e estará organizado ao redor de tres alicerces: ciencia aberta; retos globais e competitividade industrial; e innovación aberta.