O subdirector do CITIC presenta o centro nunha reunión do Grupo de Medicina Xenómica
19/11/2018
O subdirector do CITIC, Javier Pereira, asistiu a unha reunión do Grupo de Medicina Xenómica, na que presentou o centro e as súas áreas tecnolóxicas. Tamén participaron investigadores do CITIC da área de Ciencia de Datos e Información quen promoveu a reunión cos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe o catedrático e experto en xenética Anxo Carracedo. O encontro tivo lugar o pasado mércores 14 de novembro en Santiago de Compostela e organizouse no marco deo proxecto de I+D Birds, liderado pola investigadora do CITIC Susana Ladra.
O Grupo de Medicina Xenómica está composto por máis de 75 membros, formados en centros de recoñecido prestixio e participantes activos de distintas redes de investigación a nivel mundial. O grupo organízase en 4 áreas: Xenética Forense, Xenética Médica, Xenética Evolutiva e Servizos, divididas á súa vez en laboratorios que se corresponden coas principais liñas de investigación e actividades do grupo. O perfil dos membros do GMX é altamente multidisciplinar, incluíndo biólogos, médicos, farmacéuticos, veterinarios, físicos e químicos. O equipo conta ademais con numerosos estudantes de doutorado e con persoal de apoio para a xestión dos proxectos.