CITIC

O Doutoramento Industrial Europeo WAKEUPCALL chega ao seu fin

10/01/2019

Investigadores do Centro de Investigación en TIC da UDC levaron a cabo entre os anos 2015 e 2018 o Doutoramento Industrial Europeo WAKEUPCALL, centrado no ámbito das finanzas cuantitativas. WAKEUPCALL desenvolveu formación e investigación en aspectos matemáticos e computacionales actualmente necesarios no sector financeiro e asegurador, tras a recente crise financeira. 

Este proxecto contou cun financiamento dun millón e medio de euros a través da convocatoria MSCA de 2014 da Unión Europea pertencente ao programa H2020, na modalidade Initial Training Networks- European Industrial  Doctorates (ITN- EID).

O grupo coruñés, liderado polo catedrático e investigador do CITIC Carlos Vázquez Cendón, foi o responsable, entre outras tarefas, de coordinar o Workpackage de Riscos e de organizar numerosas actividades formativas como a ” Summer School on Quantitative Methods for Risk Management in Finance and Insurance”, celebrada en 2016 na Facultade de Informática da UDC, e a “Study Week WAKEUPCALL  with the financial Industry”, celebrada nas sedes de Analistas Financeiros Internacionais e na Cidade do Banco de Santander en 2017. Tamén se organizou un ” Crash Course on Python for finance”, impartido na Facultade de Informática da UDC por Íñigo Arregui e José Antonio García, membros do  CITIC.


En  WAKEUPCALL tamén participaron investigadores da Universidade de Bolonia e a Universidade de Delft, así como profesionais do Banco de Santander, a consultora Analistas Financeiros Internacionais, a aseguradora  Unipolsai, a empresa italiana Nier, a empresa holandesa de software Vortech e a consultora global Ernest and Young, xunto co prestixioso Centro de Investigación en Matemáticas e Informática CWI de Amsterdam. É precisamente no CWI onde se celebrou recentemente a reunión de clausura do proxecto na que se expuxeron os resultados alcanzados, que deron lugar a seis teses doutorais no ámbito das finanzas cuantitativas realizadas en colaboración cos beneficiarios industriais. 

O responsable no CITIC-UDC, Carlos Vázquez Cendón, indica que “no seu momento a concesión do Doutoramento Industrial Europeo foi un recoñecemento desde Europa e unha gran responsabilidade. O desenvolvemento do mesmo foi unha experiencia excelente de colaboración entre todos os axentes involucrados da universidade e a industria, que ademais deu máis visibilidade internacional á UDC e, en concreto, á súa Facultade de Informática, ao seu grupo de investigación M2NICA e ao seu Centro de Investigación en TIC”. 

En WAKEUPCALL participaron activamente, ademais de Vázquez Cendón, os membros do CITIC Íñigo Arregui, Carmen Calvo, Ana Ferreiro e José Antonio García.