CITIC
Mutlu Cukurova

O experto internacional Mutlu Cukurova falará no CITIC da "Intelixencia Artificial na educación: unha visión de futuro"

27/04/2023 – CITIC

O Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) organiza unha nova edición do seu ciclo de conferencias internacionais sobre intelixencia artificial. Nesta ocasión, conta coa participación do profesor Mutlu Cukurova, do University College de Londres (UCL), que realizará un relatorio centrado no potencial da IA na educación e as súas vantaxes para mellorar o ensino e a aprendizaxe. Continúa así a liña de charlas divulgativas sobre IA que iniciou o Centro coa conferencia da profesora de tecnoloxía educativa da Old Dominion University (ODU) de Norfolk (Virginia), Helen Crompton, que falou das novas ferramentas de IA que cambian a forma de entender a educación, como o ChatGPT.

Potencial da IA na educación

Durante a conferencia de Mutlu Cukurova, o experto ofrecerá unha imaxe holística das implicacións da IA na educación cun enfoque centrado no seu potencial para axudarnos a mellorar a práctica do ensino e a aprendizaxe. Explicará que a investigación interdisciplinaria das ciencias da aprendizaxe axudounos a comprender a forma na que os humanos aprenden; e esta mesma liña de investigación debe usarse agora para informar mellor do desenvolvemento de tecnoloxías de IA para o seu uso en educación. Responderá á pregunta sobre se talvez para a investigación educativa o propósito final sexa mellorar os resultados educativos en lugar de mellorar o estado do campo en IA. Tamén trazará os enfoques que defenden que a IA facilita o traballo dos educadores e estudantes na toma de decisións. Por último, falará sobre se optimizar procesos cognitivos, en lugar de substituílos a través da automatización, podería ser máis produtivo.

 Ampla traxectoria

O profesor Mutlu Cukurova, do UCL, é especialista en novas ferramentas de aprendizaxe home-máquina. Estuda o potencial das solucións de análises e intelixencia artificial para apoiar a aprendizaxe humana. Particularmente, está interesado en apoiar a capacidade das persoas para aprender a aprender e resolver problemas complexos de forma colaborativa. En xeral, o seu traballo ten como obxectivo abordar o desafío socioeducativo de preparar ás persoas para un futuro que requirirá moito máis que as habilidades cognitivas rutineiras que actualmente valoran moitos sistemas educativos. A súa investigación é interdisciplinaria e abarca a investigación nas ciencias da aprendizaxe, a informática e a interacción humano-máquina.En UCL Knowledge Lab, xestiona proxectos de investigación de diferentes categorías e é profesor enEducación e Tecnoloxía. Ademais, participa en actividades de formulación de políticas relacionadas coas tecnoloxías dixitais para a aprendizaxe como experto externo (incluídos os grupos de expertos externos da UNESCO, o OIEA e a UE), forma parte do grupo de traballo Grand Challenges on Transformative Technologies do UCL, é editor do British Journal of Educational Technology e editor asociado de International Journal of Child-Computer Interaction.