CITIC

O investigador Carlos Vázquez Regueiro participa nun artigo sobre o recoñecemento da actividade do camiñar en dispositivos móbiles

16/04/2020

O investigador do CITIC Carlos Vázquez Regueiro, xunto con investigadores do CiTIUS da USC e a empresa Situm Technologies, publicaron un artigo sobre a identificación da actividade do camiñar utilizando dispositivos móbiles. Neste traballo explóranse e compáranse diferentes enfoques para identificar a actividade de camiñar nas persoas, clasificadas en dous grupos principais: o primeiro utiliza características extraídas dos datos de inercia, mentres que o segundo analiza a forma característica das series de tempo formadas polas lecturas dos sensores.

A idea xorde a raíz da dificultade de desenvolver unha aplicación independente relacionada co recoñecemento da actividade humana (que é información moi relevante para aplicacións no ámbito do diagnóstico médico, asistencia a persoas maiores, localización, navegación, etc.) partindo dos datos capturados polos sensores inerciais dos smartphones. Esta complexidade radica na disparidade de hardware, o ruído nos datos e, principalmente, nos múltiples movementos que pode experimentar o teléfono intelixente e que non teñen nada que ver co desprazamento físico do propietario.

Debido á falta de conxuntos de datos públicos de datos inerciais de teléfonos intelixentes para o recoñecemento da actividade humana sen restricións, recompiláronse datos de 77 persoas que non estaban conectadas a esta investigación, para evitar o sesgo. Usando este conxunto de datos, os investigadores publicaron unha extensa validación experimental e unha comparación das súas propostas.

O artigo completo está dispoñible na publicación académica de acceso aberto MDPI: Walking Recognition in Mobile Devices