CITIC

O investigador do CITIC Carlos Gómez presenta un traballo sobre análise sintáctica baseada en dependencias na ACL 2018

19/07/2018

O investigador do CITIC Carlos Gómez Rodríguez, líder do Laboratorio FASTPARSE do Grupo de Lengua Y Sociedad de la Información (LYS), atópase esta semana en Melbourne para asistir ao ACL 2018. Dita conferencia anual, organizada pola Association for Computational Linguistics, é recoñecida pola comunidade científica e rankings de referencia coma o expoñente número un no seu campo: a Lingüística Computacional e o Procesamento da Linguaxe Natural.

No marco da súa estancia, o profesor Carlos Gómez presentará o traballo “Global Transition-based Non-projective Dependency Parsing”, do que é primeiro co-autor xunto cos investigadores Tianze Shi e Lillian Lee da Cornell University. Este artigo é froito do traballo levado a cabo polo investigador dentro da ERC Starting Grant FASTPARSE (Fast Natural Language Parsing for Large-Scale NLP) no ámbito da análise sintáctica baseada en dependencias. No mesmo preséntanse as primeiras implementacións prácticas de analizadores sintácticos da linguaxe natural que permiten analizar dependencias cruzadas e poden soportar tanto inferencia exacta (mediante programación dinámica) como inferencia voraz. Grazas á flexibilidade e capacidade de aprendizaxe de modelos de características mínimos cando se implementan sobre arquitecturas neuronais baseadas en Bi-LSTM, estes algoritmos, que antes tiñan unha complexidade computacional prohibitiva na práctica, poden agora implementarse obtendo unha precisión competitiva co estado da arte.