CITIC

Susana Ladra, investigadora do CITIC, finalista nos MSCA 2018

26/09/2018

O proxecto BIRDS da investigadora do CITIC Susana Ladra foi seleccionado como finalista nos Premios Marie Skłodowska-Curie Actions – MSCA 2018, que gratifica aos investigadores máis prometedores entre os financiados cunha MSCA, e é outorgado pola Presidencia Austríaca do Consello da UE.

Ladra presentouse na categoría “Bridging (career) paths”, que premia aos receptores dunha MSCA con habilidades como mentalidade emprendedora ou vínculo intersectorial, dada a colaboración do proxecto BIRDS coa empresa e a súa intención de realizar transferencia de coñecemento efectiva.

Para optar ao premio, ademais dun CV, era necesario presentar un vídeo sobre o proxecto, que foi realizado polos servizos audiovisuais da UDC en colaboración co CITIC. Os dez vídeos finalistas serán presentados durante a Conferencia MSCA 2018, que terá lugar os próximos 1 e 2 de outubro en Viena (Austria), e serán os asistentes da conferencia quen escollerán os proxectos gañadores.

O proyecto BIRDS, Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design está financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie (RISE) de intercambio de persoal de investigación e innovación pertencente ao programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020 (proxecto con referencia 690941). BIRDS xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volúmenes de datos existentes en diferentes campos de aplicación coma a bioinformática e a recuperación de información. No proxecto, ademais da UDC, participan universidades de Finlandia, Xapón, Australia, Chile e Portugal.