CITIC

Encontro internacional de IA na UDC para establecer colaboracións en investigación biomédica

09/07/2024 - CITIC
  • Máis de 30 relatores de 9 países buscan posibles alianzas para proxectos conxuntos de I+D+i no workshop organizado polo CITIC da UDC, Biofarma e Ikerdata este 9 de xullo. 
  • O investigador Alejandro Pazos presenta “RISKEXPO”, unha proposta que pretende identificar moléculas que poidan pasar dos envoltorios aos alimentos e a súa incidencia en patoloxías como as enfermidades gastrointestinais e o cancro colorrectal.  
  • Os modelos avanzados de predición aplicados ao desenvolvemento de fármacos ou a presentación da técnica “cell painting” do grupo Biofarma do CiMUS son outros dos temas que se trataron neste taller.  

A Coruña, 9 de xullo  de 2024.- Unha xornada de traballo reuniu hoxe a 30 relatores de 9 países no XII Taller Internacional sobre Intelixencia artificial: Novos Paradigmas en Informática Biomédica, organizado polo CITIC, UDC, RNASA-IMEDIR, Biofarma e IKERDATA. Este evento, que ten lugar de forma simultánea na UDC, a USC e a UPV, busca establecer posibles colaboracións para futuros proxectos conxuntos de I+D+i.  

O workshop centrouse  na aplicación de técnicas e procedementos de intelixencia artificial en diversos aspectos relacionados coa bioinformática. Entre os temas que se abordaron  inclúense a identificación de biomarcadores, indicadores da presenza de determinadas alteracións etiopatogénicas, a procura de candidatos a fármacos baseados nas moléculas diana e as condicións da contorna, aplicacións en diferentes patoloxías, así como o uso de IA e computación en diversas contornas, modelos bioinspirados e a seguridade na adquisición e xestión de datos. En total, celebráronse 17 conferencias durante a xornada da mañá, celebrada no CITIC, e 4 workshops na Facultade de Informática da UDC. 

Entre os relatorios destaca a presentación do proxecto RISKEXPO por parte do investigador do CITIC Alejandro Pazos e Natia Tamarashvili. No seu relatorio explicaron a elaboración dun proxecto para presentar nalgunha convocatoria da UE ou do NIH (National Institutes of Health, USA) relacionada coa enfermidade gastrointestinal e o cancro colorrectal. A hipótese de partida é que a dieta, e os materiais utilizados para a conservación dos alimentos poden influír no desenvolvemento de enfermidades gastrointestinais, incluíndo o cancro colorrectal. A través da proposta dos investigadores, búscase identificar moléculas que poidan transferirse dos envoltorios aos alimentos e que sexan responsables destas patoloxías, co fin de propoñer regulacións ás autoridades competentes.  

Pola súa banda, o grupo Biofarma da USC falou sobre unha técnica innovadora utilizada no desenvolvemento de medicamentos chamada “cell painting”. Este método utiliza tinguiduras celulares e análises de imaxes para avaliar os efectos de compostos químicos nas células, permitindo predicir de maneira temperá os efectos terapéuticos e tóxicos dos candidatos a fármacos. Discutíronse os principios básicos, vantaxes e exemplos de aplicación, así como os retos e perspectivas futuras desta técnica na investigación farmacéutica.  

Así mesmo, o grupo de investigadores de IKERDATA-UPV/EHU centrou a súa intervención en modelos avanzados de predición aplicados ao desenvolvemento de fármacos. Estes modelos permiten predicir a entrega de fármacos a través de nanosistemas, avaliar a súa seguridade e eficacia, e predicir a actividade dos fármacos en diferentes rexións do cerebro, crucial para tratamentos neurolóxicos precisos. Ademais, expuxeron modelos para o deseño de antibióticos personalizados e o descubrimento de fármacos antiparasitarios, destacando o papel crucial dos modelos preditivos e a intelixencia artificial na investigación farmacéutica moderna.  

O XII workshop internacional de IA aspira a converterse nunha plataforma de gran valor para o intercambio de coñecementos e a xeración de novas ideas no campo da bioinformática e a intelixencia artificial, fomentando a colaboración internacional e o avance na investigación biomédica.