Entrevista co noso investigador predoutoral Ángel López Oriona tras a súa estadía na Universidade de Sídney
19/07/2022 – CITIC
Cal é o teu campo de estudo?
O meu campo de estudo é o clustering de series temporais. Aínda que de primeiras soa un pouco complexo, non é difícil de comprender. Unha serie temporal é simplemente unha colección de medidas rexistradas ao longo do tempo. Por exemplo, pensemos no prezo dunha acción de Inditex a día de hoxe, que vale uns 21.77 euros. Cando consultemos mañá o prezo da devandita acción, este con toda seguridade será diferente, pois o mercado de accións está influído por moitos factores. Pode ocorrer que o valor da acción sexa 21.77 euros porque ocorreu algo que prexudica á compañía (por exemplo, a competencia abriu novas tendas en sitios estratéxicos), ou, pola contra, que sexa superior porque sucedeu algo que beneficia á empresa (por exemplo, o goberno decidiu reducir o tipo impositivo de tributación para as multinacionais). Cada día sucesivo teremos un prezo diferente. Imaxinemos que rexistramos o prezo da acción ao longo dos 365 días do ano. Ao final o que teriamos é unha serie de tempo de lonxitude 365. É sinxelo! O clustering de series de tempo parte dunha gran colección de series e trata de formar, de xeito automático, grupos de series de maneira que as series que se sitúan nun determinado grupo teñan características comúns. Volvendo ao exemplo anterior, pode que tivésemos dispoñibles as series de moitas compañías e interesásenos atopar grupos de empresas cuxos prezos se comportan dunha maneira similar. Para conseguir iso, necesitariamos utilizar métodos como os que estamos a desenvolver na nosa investigación.
Na miña opinión, o clustering de series temporais é un eido apaixonante e cunha alta aplicabilidade. Combina Matemáticas, Estatística e Intelixencia Artificial, polo que é necesario ter certos coñecementos das tres disciplinas. Creo que os algoritmos de clustering de series de tempo usaranse cada vez máis no futuro. Estou moi contento de estar a traballar nisto, a verdade.
Por que elixiches a Universidade de Sídney para realizar a túa estadía?
A verdade é que todo xurdiu por mor dunha invitación de Pablo Montero, antigo investigador do CITIC, que agora pertence á Business School da Universidade de Sídney. Pablo convidoume a realizar unha estancia baixo a súa supervisión e díxenlle que si sen dubidalo un segundo. Tiña que aproveitar a oportunidade de facer investigación nun país como Australia. Ademais, en concreto, a Universidade de Sídney está sempre entre as primeiras posicións das clasificacións internacionais, polo que era unha opción perfecta para aprender de investigadores excelentes. O propio Pablo publicou xa desde que está en Sídney varios artigos que tiveron un impacto substancial na comunidade científica.
En que consistiu o traballo que desempeñaches alí?
Pois a miña investigación virou en torno ao desenvolvemento de algoritmos de clustering de series temporais, como explicaba previamente. En concreto, o método que propoñemos é capaz de crear grupos de series de tal maneira que as series pertencentes a cada grupo seguen un patrón preditivo similar. Noutras palabras, espérase que os valores futuros de todas as series dun determinado grupo se comporten da mesma maneira. Adicionalmente, ofrecemos unha maneira de construír un modelo preditivo para cada grupo, e demostramos que devanditos modelos son máis efectivos que os métodos que foron propostos ata o momento. Ao final o que buscamos é predicir os futuros valores das series da maneira máis exacta posible, e o clustering é a ferramenta perfecta para conseguir ese obxectivo. Cremos que o noso enfoque é moi innovador, e esperamos poder presentalo de maneira rigorosa en Londres a finais deste ano.
Coméntanos algo da parte máis persoal da estancia: Que che pareceu a cidade? Como é a xente e a cultura de alí? Onde te aloxaches? Que che achegou a experiencia a nivel persoal?
Sídney é sen dúbida un dos lugares máis espectaculares nos que estiven. Trátase dunha cidade cosmopolita, chea de vida, que non deixa de sorprenderte. O meu sitio favorito é probablemente o Harbour Bridge, desde onde se poden obter unhas vistas magníficas do porto e da ópera, únicas no mundo. A xente é en xeral moi cortés e axúdache en todo o que pode. Sénteste moi arroupado. Con respecto á cultura, é imposible dar unha descrición xeral. En Sídney conviven individuos moi diversos. Por exemplo, hai tantos australianos como chineses ou indios, polo que o contraste de culturas é a norma na cidade. Durante a estancia vivía nunha casa bastante próxima á universidade, que compartía con varios compañeiros e compañeiras. Acórdome que nun momento concreto conviviamos persoas de 8 nacionalidades distintas: Bangladesh, China, España, India, Italia, Myanmar, Perú e Vietnam. A pluralidade cultural era brutal, pero a experiencia foi moi beneficiosa. Nesa casa fixen algúns bos amigos, e en consecuencia agora teño varias invitacións para visitar países como India, que espero aceptar no futuro, por suposto. O convivir con persoas tan diversas enriquéceche en todos os sentidos. Na universidade e noutras partes de Sídney tamén coñecín a xente que me achegou moito.
Por último, un consello para futuros investigadores?
A miña recomendación para os investigadores novos é que viaxen o máximo posible, especialmente durante o doutoramento. Cantas máis estancias fagan, máis beneficioso resultará para o seu futuro: dúas mellor que unha, e tres mellor que dúas! E a poder ser, que se vaian a algunha universidade afastada polo menos unha vez, xa sexa a Sídney, a Tokio ou a Honolulu. Un debe afastarse da súa zona de confort o máximo posible. Este tipo de experiencias benefíciante tanto académica como persoalmente. Realizar investigación en universidades internacionais permíteche estar posteriormente máis preparado para decidir cal será o seguinte paso na túa carreira académica. Ademais, lembremos que no CITIC, grazas ao excelente traballo do centro nos últimos anos, temos a sorte de contar con bastante financiamento para estancias de investigación, e lamentablemente isto non é así en moitas partes de España. Así que os investigadores do CITIC deberían aproveitar esta oportunidade única!