CITIC

Entrevista co investigador Daniel Valcarce tras a súa estancia en Google Múnich

12/09/2018

Cal é o teu campo de estudo?

O meu campo de estudo é a aplicación de modelos de Recuperación de Información aos Sistemas de Recomendación. A Recuperación de Información é a disciplina que busca proporcionar información relevante para dar resposta ás necesidades de información dos usuarios. Un exemplo clásico son os motores de procura web como Google e Bing, nos que os usuarios poden escribir unha consulta e o motor de procura devólvelles páxinas webs relevantes. Doutra banda, os Sistemas de Recomendación teñen como obxectivo proporcionar ítems relevantes sen que os usuarios expresen de xeito explícito os seus desexos. Por exemplo, cando entras en YouTube, recibes unha selección personalizada de vídeos que che pode interesar ver. Dun modo similar, Spotify é capaz de confeccionar listas de reprodución baseadas nos teus gustos persoais, ou Amazon pode suxerirche produtos que che pode apetecer comprar. Os Sistemas de Recomendación son capaces de aprender dos patróns de comportamento dos usuarios para recomendarlles aqueles ítems que máis lles poden interesar.

O que máis me gusta do ámbito da miña tese é que se atopa na intersección de moitas áreas moi interesantes. Por unha banda, traballo con técnicas de diferente natureza (modelos probabilísticos, machine learning, deep learning, etc.). Doutra banda, ao usar grandes coleccións de datos (o que popularmente se coñece como Big Data), teño que lidiar con problemas de eficiencia e escalabilidade para o que é necesario paralelizar e distribuír algoritmos. Finalmente, a avaliación sistemática dos Sistemas de Recomendación é aínda un tema controvertido onde hai grandes oportunidades de investigación.

Por que elixiches Google Múnich para realizar a túa estancia?

Como estudante de doctorado xa realizara dúas estancias en centros públicos: unha nun instituto de investigación e outra nunha universidade. Esta vez quería explorar algo diferente e apetecíame coñecer como se traballa nun grupo de investigación privado. Por iso, a finais de 2017, presenteime ao proceso de selección de Google para estancias de doutorado. Elixín Google xa que é unha das maiores empresas tecnolóxicas do mundo e traballa en proxectos moi interesantes en diferentes áreas nas que quería traballar. Tras unha serie de probas técnicas, aceptaron a miña candidatura. Entrevisteime con diferentes equipos de Google e finalmente aceptei a oferta de realizar unha estancia de tres meses na oficina de Múnich. Fundamentalmente, elixín este destino debido ao interesante que me pareceu o proxecto que me ofreceron. No entanto, logo descubrín que Múnich tamén é unha cidade moi agradable na que vivir.

En que consiste o traballo que desempeñaches alí?

Durante a miña estancia en Google, estiven traballando no desenvolvemento de servizos que melloran a experiencia dos usuarios nas reunións con videoconferencias. En concreto, deseñei, adestrei e avaliei diferentes modelos de machine learning para devanditos servizos. A experiencia foi moi enriquecedora xa que tiven a oportunidade de traballar nun equipo con enxeñeiros e investigadores de élite. O ambiente era moi bo e descubrín novas metodoloxías de traballo, máis enfocadas a produtos e resultados. Ademais, contabamos cunha gran cantidade de recursos computacionales e coleccións de datos para probar os nosos algoritmos. En resumo, creo que esta estancia proporcionoume unha formación complementaria á da universidade moi interesante.