CITIC

Entrevista coa investigadora do CITIC Andrea Meilán trala súa estancia na Colorado State University

24/07/2018

O campo de estudo da investigadora Andrea Meilán é a Estatística Espacial; traballa con modelos de superficie de tendencia, é dicir, modelos de regresión que tratan de relacionar as observacións dun proceso espacial coas localizaciones xeográficas onde ditas observacións son tomadas.

Realizou a súa estancia na Colorado State University (Estados Unidos). Meilán comenta que a elixiu para poder traballar durante uns meses co profesor Jean Opsomer, que realizou numerosas investigacións relacionadas con temas nos que está traballando.

O traballo desempeñado na estancia versou sobre dous temas incluídos no proxecto de tese. Na estancia estiven traballando en dous temas incluídos no meu proxecto de tese. “Nunha primeira parte da estancia, realizamos un contraste de bondade de axuste para tendencias espaciais paramétricas, considerando un estimador non paramétrico do tipo lineal local. Calculamos a distribución asintótica do estatístico de contraste e propuxemos un procedemento de remostreo tipo bootstrap. Unha vez rematamos ese traballo, centrámonos na estimación dos modelos de superficie de tendencia, pero adaptándonos a procesos espaciais direccionais. Neste contexto, existen varias aplicacións a datos meteorolóxicos e oceanográficos. Tanto as direccións de correntes mariñas en certas localizacións, como direccións de vento, poderían modelarse a partir dun modelo de superficie de tendencia con resposta direccional, que é o que pretendemos estimar”.

No plano máis persoal, Meilán conta que estivo vivindo nunha cidade moi tranquila, nuns apartamentos da propia universidade. Afirma que “o campus é impresionante, e ademais ten unhas instalacións moi completas. Hai muchísimos alumnos na universidade e están totalmente preparados. En canto á cultura, está claro que a estadounidense é diferente á española en moitos sentidos, pero vaste adaptando. É un país que ten xente de todos os países do mundo e iso enriquece moito. Coñeces a moita xente e aprendes novos costumes. En xeral, para min foi unha experiencia moi produtiva tanto a nivel científico, como a nivel persoal”.