CITIC

Entrevista cos investigadores Adrián Gómez Brandón e Tirso V. Rodeiro

26/11/2019

Os investigadores Adrián Gómez Brandón e Tirso V. Rodeiro están comezando a súa estancia de investigación na Universidade de Kyushu (Fukuoka, Xapón) baixo o mando do profesor Hideo Bannai.

Onde estades realizando a estancia e durante canto tempo?

viñemos durante dous meses á Universidade de Kyushu en Fukuoka, Xapón.

Cal é o voso campo de estudo?

Dedicámonos á compresión de datos. Concretamente ás estruturas compactas aplicadas a traxectorias. Adrián especializouse en traxectorias en espazos abertos (barcos, avións…) e Tirso en traxectorias restrinxidas a redes (un coche circulando pola cidade ten que seguir a estrada).

Por que elixistes esa universidade?

Esta universidade entra dentro do marco do proxecto BIRDS que intenta poñer en contacto a especialistas en estruturas compactas de distintas partes do mundo para sacar novas ideas. A xente de aquí traballa especialmente en estruturas compactas aplicadas á bioinformática. Iso é o bo do noso campo: unha mesma idea pode resolver problemas insospeitados en moitos campos. Por exemplo, aquí están usando para comprimir ADN as estruturas que usamos no Laboratorio de Bases de Datos fai un par de anos para comprimir traxectorias de buses; á fin e ao cabo, non é o mesmo comprimir unha secuencia de nucleótidos que unha secuencia de paradas? (risas).

Cal é o obxectivo desta estancia?

Abrir novas liñas de colaboración cos investigadores de Kyushu e, á súa vez, cos seus outros colaboradores se hai oportunidade. Esperamos que das reunións que estamos tendo cos novos contactos podamos sacar algunha publicación conxunta no futuro.

Agora, comentádenos algo da parte máis persoal da estancia. Que vos parece a cidade? Como é a xente e a cultura de alí?

Fukuoka, malia os seus 1,5 millóns de habitantes, é unha cidade tranquila e é pequena si comparámola coas macro cidades máis coñecidas de Xapón. Como imaxinabamos, pouca xente aquí fala inglés e os carteis só están en xaponés, polo que cada día é unha aventura. Estamos intentando aprender unha palabra ao día (os básicos polo menos), pero vemos pouco probable dominar a lingua durante o mes que nos queda.

Onde vos estades aloxando? Como vos desenvolvedes no campus?

Estamos vivindo nunha casa compartida para estudantes (ou mozas en busca de traballo), así coñecemos xente nova e podemos integrarnos máis nesta cultura. Respecto ao campus, a universidade segue unha organización parecida á UDC e os nomes dos edificios están escritos tamén en alfabeto latino, así que nos desenvolvemos sen problema. O tema do transporte para chegar ata o campus xa é outro tema máis complicado (risas).

Para rematar, que vos está aportando a experiencia a nivel persoal?

Esta estancia non só vale para crecer como profesionais, as persoas que estamos coñecendo aquí, os lugares que estamos explorando e a cultura que estamos descubrindo fainos crecer en todos os ámbitos (aínda que esteamos desexando volver comer en Galicia).