CITIC

Estancia de investigación no INESC TEC de Porto no marco do programa IACOBUS

29/03/2019

María Montero, responsable de Estratexia de I+D+i do CITIC, e Dores Pérez Brun, en representación do Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, atópanse nunha estancia de investigación no INESC TEC de Porto, no marco do programa IACOBUS.

O obxectivo é coñecer a organización e xestión de diferentes entidades de investigación do norte de Portugal e establecer relacións que poidan dar lugar a colaboracións entre a Universidade de Coruña, especialmente o CITIC, e os centros visitados.

No marco da súa estancia asistiron a numerosos encontros con entidades e empresas, entre os que destacan o INL (co que a UDC acaba de asinar un acordo marco); o Instituto Politécnico de Porto, o Laboratório de Reabilitação Psicossocial, a Oficina de Transferência de Tecnologia e Conhecimento (OTIC) do P.PORTO e a FEUP. Ademais, tamén se reuniron co equipo de dirección e xestión do INESC TEC, así como cos investigadores do Laboratorio de biomimagen e os representantes do Centro de Sistemas de Enerxía e do Centro de Robótica industrial e sistemas intelixentes do INESC TEC.

O programa IACOBUS ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e o intercambio entre os recursos humanos dos centros de ensino superior da Eurorregión Galicia – Norte de Portugal – Profesores; Investigadores; Persoal de Administración e Servizos (PAS), facilitando a posta en común de actividades formativas, de investigación e de divulgación.